Conde aposta polas infraestruturas e o coñecemento como claves para facer de Galicia un referente europeo no emprego de GNL como combustible en navegación

2014-11-25
  • Subliña as capacidades coas que conta a Comunidade neste eido grazas á experiencia de Reganosa, á actividade dos estaleiros en reparación e construción de gaseiros, e a competitividade da industria auxiliar naval
  • Resalta a oportunidade que ofrece o novo HUB de GNL de Reganosa en Ferrol para facer de Galicia “o centro de distribución enerxética do noroeste peninsular”, subministrando aos buques impulsados por gas e ofrecendo novas vías de traballo aos estaleiros
  • Salienta a importancia da unidade mixta na que participa Gas Natural Fenosa encamiñada a crear novos sistemas que permitan utilizar o gas natural e o biometano como combustible no ámbito da mobilidade marítima e agraria

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, na clausura da xornada GNL, o futuro do transporte marítimo, a importancia “das infraestruturas e do coñecemento” dos que dispón Galicia como claves para facer da Comunidade un “referente europeo” no emprego do Gas Natural Licuado como combustible en navegación. “Temos as capacidades e as infraestruturas necesarias, tanto enerxéticas como portuarias, para converternos nun verdadeiro HUB gasístico; e contamos co know how e a capacidade innovadora amosados polos axentes do sector”, incidiu Conde.

Neste sentido, o titular de Economía e Industria lembrou que Galicia ten, en Reganosa, unha das principais regasificadoras europeas, ubicada nun punto xeograficamente estratéxico; e conta coa “ampla experiencia” que ofrecen os estaleiros galegos na reparación e construción de gaseiros, así como coa competitividade da industria auxiliar.

Neste escenario, explicou Conde, o novo HUB de Gas Natural Licuado de Reganosa, en Ferrol, aspira a facer de Galicia “o centro de distribución enerxética do noroeste peninsular”, facilitando aos buques impulsados por GNL un “lugar estratéxico de reabastecemento” e a posibilidade de “cargar e descargar as súas mercancía” na Comunidade.

“Este proxecto, integrado na iniciativa europea TEN-T, suma 1,2 millóns co obxectivo de contribuír á descarbonización do noso transporte”, sinalou o conselleiro, resaltando que se trata dunha iniciativa “exemplo de unidade e cooperación” no que participan a propia Reganosa, a Xunta a través do Inega, Navantia, a Universidade de Santiago e a Autoridade Portuaria de Ferrol.

Así mesmo, subliñou Conde, o proxecto supón unha gran oportunidade para os estaleiros galegos en ámbitos como a construción de novos buques que utilicen este combustible, e a reconversión e reparación de embarcacións xa construídas. Un mercado que, como sinalou, conta cada vez con máis demanda debido ao prezo dos carburantes tradicionais e á directiva europea que limita considerablemente o xofre no combustible dos buques a partir do 2020.

Unidade mixta no ámbito da mobilidade

“Un proxecto destas características non podería entenderse sen outro piar fundamental: o do coñecemento”, destacou o conselleiro, quen subliñou a “aposta por unha cultura da innovación” como chave para situar a Galicia nunha posición de privilexio para desenvolver este tipo de iniciativas.

Neste contexto, Conde resaltou a cooperación público-privada que está permitindo constituír na Comunidade diferentes unidades mixtas de investigación, configurando “polos tecnolóxicos de referencia” en sectores estratéxicos. “Unha destas unidades, na que participa Gas Natural Fenosa, atende precisamente aos sectores do transporte e a enerxía”, incidiu.

Este proxecto, que conta co apoio da Axencia Galega de Innovación e no que tamén participa EnergyLab, persegue a creación de novos sistemas que permitan utilizar o gas natural e o biometano como combustible no ámbito da mobilidade marítima e agraria. Deste xeito, explicou Conde, o Goberno galego segue a impulsar “proxectos innovadores de sistemas de combustible de GNL en buques” e “outorga vantaxes competitivas aos nosos estaleiros para acadar contratos para a construción destes buques”.