Feijóo aspira a superar os 120 millóns no Horizonte 2020 para acadar a través da innovación máis benestar e un crecemento baseado nunha economía máis sólida e que xere emprego

2014-11-25
  • Salienta que a Comunidade triplicou no sétimo Programa Marco, con máis de 80 millóns de euros, os fondos inicialmente previstos
  • Subliña que Galicia e o Norte de Portugal traballan para que, no primeiro semestre de 2015, a primeira RIS3 transfronteiriza da UE sexa unha realidade e permita acceder a máis fondos do Horizonte 2020, co obxectivo de estender esta experiencia á Macrorrexión do Suroeste europeo
  • Expresa o orgullo de que Galicia sexa o berce da empresa máis nova de Europa en recibir financiamento do instrumento específico para pemes do Horizonte 2020: a spin off da Universidade da Coruña Torus Software
  • Afirma que Galicia ten moitas esperanzas postas na resolución favorable, en decembro, da súa candidatura á Comunidade de Coñecemento e Innovación –KIC- de vida saudable e envellecemento activo, co fin de crear solucións innovadoras de alto impacto neste ámbito

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por aproveitar ao máximo as potencialidades de financiamento europeo e, nesta liña, destacou que Galicia aspira a superar os 120 millóns de fondos comunitarios no marco do programa Horizonte 2020 de I+D+i da UE para acadar un maior benestar e un crecemento económico baseado nunha economía máis sólida e que xere emprego.

Durante o acto de apertura da VIII Conferencia do Programa Marco de investigación e innovación da UE en España-Horizonte 2020, Feijóo destacou que, nos últimos anos, Galicia leva traballando intensamente para ser cada vez máis competitiva e eficiente no aproveitamento das oportunidades que agora se abren co Horizonte 2020. E lembrou que a Comunidade logrou captar 15 millóns de euros no sexto Programa Marco de I+D+i da UE e no sétimo xa supera os 80 millóns (triplicando os fondos inicialmente previstos.

RIS galaico-portuguesa, a primeira RIS3 transfronteiriza da UE

Durante a súa intervención, o titular da Xunta referiuse, tamén, ao enfoque transrexional do Horizonte 2020, que dá prioridade ás sinerxías e aos proxectos concertados, o que representa un grande estímulo para todas as rexións e unha potencialidade que Galicia non debe deixar pasar.

No tocante a este aspecto, resaltou que a Comunidade galega e o Norte de Portugal traballan para que, no primeiro semestre de 2015, a primeira RIS3 transfronteiriza da UE sexa xa unha realidade, co obxectivo de estender a continuación esta experiencia á Macrorrexión do Suroeste europeo, integrada por Galicia, a Rexión Norte e a Rexión Centro de Portugal, Asturias e Castela e León.

Feijóo incidiu en que esta RIS galaico-portuguesa facilitará que a Comunidade galega e o Norte de Portugal poidan optar con máis forza aos fondos comunitarios, en concreto a 10.000 millóns do Horizonte 2020 dedicados á cooperación transrrexional, e optar así a unha dobre oportunidade: “Por un lado, aos fondos que nos corresponden como comunidade autonómica en España e, por outro, aos fondos que nos corresponden como eurorrexión en Europa”.

Despois de Alemaña e Reino Unido, o titular da Xunta resaltou que o país que máis proxectos e financiamento está a conseguir é España. E, ao fío disto, expresou o orgullo de que Galicia sexa o berce da empresa máis nova de Europa en recibir financiamento do instrumento específico para pemes do Horizonte 2020, referíndose á spin-off Torus –participada no seu capital pola Universidade da Coruña-, unha empresa de solucións de software de comunicacións ultrarrápido para os ámbitos das finanzas, as telecomunicacións e a enerxía.

Ao longo do acto, Feijóo salientou que o Horizonte 2020 céntrase en tres eixos de actuación: xerar unha ciencia excelente e competitiva; fomentar o liderado industrial e abordar os retos sociais como é o envellecemento de Europa.

Para acadar o primeiro dos obxectivos do Horizonte 2020 –elevar o nivel de excelencia na ciencia europea-, o titular da Xunta avogou por unha forte aposta polo talento investigador. E, neste sentido, lembrou a posta en marcha na Comunidade do programa Oportunius, que pretende reter e captar a investigadores de referencia que fagan realidade o obxectivo de desenvolver na en Galicia unha I+D de excelencia. “O noso obxectivo é incorporar 24 investigadores de alto nivel, científicos con capacidade para atraer fondos europeos para investigacións punteiras”, precisou.

En relación ao segundo piar do Horizonte 2020: o fomento do liderado industrial, Feijóo recalcou que, no ano 2013, Galicia foi unha das primeiras rexións de Europa que presentou a súa Estratexia de Especialización Intelixente, cuxo obxectivo é mobilizar 1.600 millóns de euros, destacando que moitas das prioridades de innovación desta RIS3 coinciden plenamente cos obxectivos que o Horizonte 2020 recolle neste ámbito. “Baseámonos nas tecnoloxías chamadas facilitadoras, como as TIC, que serven de base para as empresas do futuro, e que se están a incentivar mediante programas como o Conecta-Pemes, que implica proxectos consorciados público-privados e que está especialmente dirixido ás nosas pequenas e medianas empresas”, explicou.

KIC Gallaecia, crear solucións innovadoras de alto impacto no eido do envellecemento

Así mesmo, resaltou puntos coincidentes entre as prioridades de innovación establecidas na RIS3 e os retos sociais que recolle como terceiro vector o programa Horizonte 2020. E, neste eido, referiuse ás expectativas que a Comunidade galega ten no eido do envellecemento.

“Galicia, ademais de estar integrada como rexión de referencia no Consorcio de Envellecemento activo e saudable promovido pola Comisión Europea, ten moitas esperanzas postas na resolución favorable, en decembro, da súa candidatura á Comunidade de Coñecemento e Innovación –KIC- de vida saudable e envellecemento activo, convocada polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía”, dixo, ao que engadiu que a KIC Gallaecia é unha aposta pola I+D+i que integra empresas, universidades, centros de investigación sanitaria, centros tecnolóxicos e tamén a Administración.

Este consorcio europeo, formado ao lado de Escocia, País Vasco, Dinamarca do Sur, Saxonia, Ámsterdam e Lombardía, permitirá a Comunidade traballar para crear solucións innovadoras de alto impacto neste ámbito.

O presidente do Goberno galego concluíu facendo un recoñecemento expreso á Unión Europea por abrir un marco de oportunidades tan adaptado ás necesidades e aos retos do sistema de innovación en todos os niveis, especialmente no rexional, a través de novos instrumentos como o orientado especificamente ás pemes, ou con novos enfoques como a priorización de sinerxías e de proxectos concertados.

Feijóo fixo fincapé na importancia que ten a innovación para fomentar a competitividade das empresas e blindar un crecemento económico e influír na calidade de vida dos cidadáns.