Feijóo constata que a innovación na automoción está a ser un dos artífices do despegue industrial de Galicia contribuíndo á alza das exportacións

2014-11-21
  • Lembra que neste mes de setembro Galicia creceu o dobre en exportacións que a media de España
  • Refírese ao sector da automoción como un exemplo de como o coñecemento aplicado á innovación e ao desenvolvemento das novas tecnoloxías “son, sen dúbida, os obxectivos macro”
  • Garante o compromiso da Xunta de seguir apostando pola innovación no sector, reflectido na mobilización, desde 2009, de máis de 630 millóns de euros: “Cunha achega pública de preto de 100 millóns, fomos capaces de ter un efecto tractor na economía de 630 millóns”, destaca
  • Di que o Goberno galego seguirá a apoiar o sector da automoción e destaca, a modo de exemplo, o proxecto para a construción dunha nova subestación eléctrica en Vigo; unha obra que, logo do esforzo do Goberno galego, salientou, aparece recollida na Planificación das Infraestruturas de Transporte Eléctrico 2015-2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe, durante unha visita ás instalacións da multinacional GKN Driveline en Vigo, que a innovación na automoción está a ser un dos artífices do despegue industrial de Galicia contribuíndo á alza das exportacións. “Hoxe, podemos comprobar que a innovación segue a ser a panca fundamental para distinguir as compañías do futuro das compañías do pasado”, aseverou, engadindo que a innovación é a chave da produtividade das compañías, “a chave do tecido industrial de Galicia e a ferramenta fundamental coa que competir”.

O titular da Xunta incidiu en que o tándem innovación, diversificación e internacionalización está funcionando “e seguen a ser as ferramentas polas que vai seguir apostando o Goberno galego”. Como proba disto, lembrou que a Comunidade galega está gañando peso nas exportacións: “Neste mes de setembro Galicia creceu o dobre en exportacións que a media de España. No ano 2013, Galicia fixo o récord de exportacións de toda a serie histórica con máis de 18.000 millóns de euros. No 2014 volvemos a crecer sobre un ano histórico como foi 2013. O saldo comercial entre exportacións e importacións no 2013 marcou un récord, preto de 2.500 millóns de euros. E a setembro de 2014 estamos por riba de 2.100 millóns de euros de exportacións sobre importacións”.

O responsable do Executivo autonómico referiuse ao sector da automoción como un exemplo de como o coñecemento aplicado á innovación e ao desenvolvemento das novas tecnoloxías “son, sen dúbida, os obxectivos macro”. E, nesta liña, garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir apostando pola innovación no sector, reflectido na mobilización, desde 2009, de máis de 630 millóns de euros. “Cunha achega pública de preto de 100 millóns, fomos capaces de ter un efecto tractor na economía de 630 millóns”, abundou.

No tocante á empresa, Feijóo destacou que a multinacional GKN Driveline en Vigo é a maior factoría de compoñentes de automoción de Galicia, tanto en termos de emprego, como de facturación ou de dimensións, posto que esta é a planta de maior tamaño que esta compañía posúe en toda España. E, sinalou que dá emprego a máis de 800 persoas; actualmente, exporta máis do 75% da súa produción a 21 países; e, conta cunha das carteiras de clientes máis diversificadas da industria do motor, xa que abastece ás principais marcas de vehículos do mercado.

Como proba desta aposta pola I+D+i, lembrou que esta compañía é unhas das participantes no programa Innterconecta II, e que leva recibido da Axencia Galega de Innovación un investimento total de 525.000 euros para financiar tres dos seus plans sectoriais neste eido, que teñen mobilizado 1,3 millóns de euros.

“E imos seguir traballando por todo o sector da automoción”, incidiu, referíndose ao proxecto para a construción dunha nova subestación eléctrica en Vigo; unha obra que, logo do esforzo do Goberno galego, salientou, aparece recollida na Planificación das Infraestruturas de Transporte Eléctrico 2015-2020. Segundo sinalou, a modo de exemplo, esta subestación permitirá subministrar electricidade a esta fábrica de Balaídos a un menor custo, e suporá un aforro de 1 millón de euros en electricidade ao ano.