Conde destaca a redución de emisións, o almacenamento de enerxía e os novos materiais como eixos innovadores para o futuro da industria automobilística galega

2014-11-14
  • O conselleiro de Economía e Industria participou hoxe na inauguración da xornada Green Vehicles organizada polo CTAG
  • Destaca que a Xunta porá a disposición da automoción galega quince dos vinte instrumentos financeiros da Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3, para innovar de cara a un coche intelixente, limpo, sostible e reciclable
  • A Xunta mobilizou nos últimos cinco anos 50 millóns de euros en proxectos innovadores da industria automobilística galega, aos que se suman 3 unidades mixtas de investigación que mobilizarán 12 millóns

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a redución de emisións, o almacenamento de enerxía e os novos materiais como varios dos principais eixos innovadores para o futuro da industria automobilística galega. Durante a inauguración da xornada Green Vehicles España 2014, organizada polo CTAG, Conde resaltou que esa triple aposta permitiría ao sector producir vehículos que non só contaminen menos senón que consuman menos; novos materiais que fagan os vehículos máis resistentes e lixeiros; e novos sistemas de almacenamento de enerxía, que permitan maximizar as posibilidades dos vehículos eléctricos e electrohíbridos.

O Goberno galego, salientou, está a impulsar esa forza innovadora como chave para facer a industria automobilística galega máis competitiva, implicando a empresas, centros tecnolóxicos como o CTAG e universidades.

Nos últimos cinco anos, neste sentido, o Goberno galego mobilizou 50 millóns de euros en proxectos innovadores da industria automobilística da comunidade, a través de programas como o Innterconecta. A eses esforzos súmase o novo programa de unidades mixtas de investigación, co que a Xunta une aos centros tecnolóxicos con 8 grandes empresas punteiras do seu sector.

E de entre esas unidades mixtas, 3 están relacionadas co futuro do automóbil, mobilizando 12 millóns de euros: coa primeira destas unidades mixtas, Itmati e Repsol únense baixo o impulso da Xunta para, entre outras iniciativas, optimizar o deseño de baterías para o vehículo eléctrico e os protocolos de carga rápida. A segunda, liderada polo CTAG e Borg Warner, busca establecer un polo de investigación en Galicia á vangarda da sostibilidade nos vehículos, co obxectivo de diminuír as emisións contaminantes. E na terceira traballan xuntos CTAG e PSA Peugeot Citroën, buscando nesta ocasión impulsar a interface home máquina e o vehículo intelixente.

É o principio dun camiño que adquirirá unha nova dimensión cos 1.600 millóns de euros que mobilizará ata 2020 a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3; un mapa para o futuro de Galicia que conta con dous retos intimamente ligados á Estratexia Intelixente do Transporte do Futuro. En concreto, a RIS3 recolle como claves un impulso á innovación en sectores tractores como a automoción para facela máis competitiva e eficiente; e unha decidida aposta por tecnoloxías facilitadoras, como a nanotecnoloxía ou os novos materiais, que poden supoñer considerables avances no ámbito do almacenamento enerxético.

Para acadar eses obxectivos, a Xunta porá a disposición de investigadores e empresas 15 dos 20 instrumentos financeiros da RIS3 para apoio de proxectos innovadores relacionados co transporte co obxectivo de conseguir impulsar os vehículos intelixentes, limpos, sostibles e reciclables. A RIS3 tamén ten entre os seus obxectivos clave o reforzo da participación de Galicia no Horizonte 2020, promovendo a participación das empresas e investigadores galegos en proxectos clave para a economía que forman parte do Horizonte 2020, como a propia iniciativa Green Vehicles.