Conde salienta que co Programa Oportunius a investigación galega aproveitará o “importante efecto multiplicador” dos contratos ERC que capte Galicia

2014-11-10
  • O conselleiro de Economía e Industria sinalou que co Oportunius a Xunta destina 4 millóns ao reto de captar 24 científicos de alto nivel que atraian o investimento que supoñen as axudas de élite europeas ERC
  • Na xornada participaron tres investigadores ERC que destacaron que cada ERC emprega de media a 6 especialistas no seu equipo, e a súa contratación pode supoñer un retorno en capital innovador que multiplique por preto de seis veces o investimento público inicial
  • Actualmente Galicia conta con 10 investigadores ERC que están a mobilizar nos seus proxectos 16 millóns de euros en campos como a medicina, a agricultura, a filoxenética ou a física teórica
  • O conselleiro destacou a creatividade, a vangarda e a capacidade de liderado como criterios clave para a selección dos especialistas

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que co programa Oportunius a investigación galega aproveitará o “importante efecto multiplicador” dos contratos ERC que capte Galicia. Durante un obradoiro sobre as posibilidades desta iniciativa na que participaron algúns dos máis destacados investigadores galegos, como David Posada, Conde lembrou que esta iniciativa busca reter ou atraer a 24 científicos de alto nivel para que desenvolvan a súa carreira en Galicia e atraian o investimento que supoñen as axudas de élite ERC. Neste senso, os tres investigadores ERC galegos presentes na xornada destacaron que, de media, cada un dos ERC emprega a 6 especialistas de alta cualificación no seu equipo.

Ese efecto arrastre na contratación se sumará ao que se dará no eido do investimento, segundo subliñou Conde: o investimento en científicos de vangarda con capacidade para atraer unha ERC pode multiplicar por preto de 6 veces o retorno en forma de capital innovador. Así, o investimento da Xunta de 4 millóns en Oportunius busca mobilizar 25 millóns en apoios ERC.

Conde resaltou que a iniciativa ten tamén como obxectivos formar a científicos con potencial para conseguir estas bolsas europeas, e incorporar talento ás pemes, mellorando a competitividade do tecido produtivo da comunidade, “para colocar a Galicia non xa no grupo de cabeza da investigación europea, senón un paso máis alá: na mesma fronteira da ciencia”.

Neste senso, sinalou, Oportunius buscará por riba de todo a investigación fronteiriza, apostando polo desenvolvemento de proxectos multidisciplinares e ideas pioneiras en campos emerxentes, esixindo sempre a excelencia científica. Con ese mesmo obxectivo, a selección de investigadores basearase non tanto no historial e o currículo dos investigadores, senón na súa brillantez, na súa capacidade de liderado, na imaxinación e a capacidade de levar á práctica solucións creativas e innovadoras.

O conselleiro destacou que para garantir o éxito do programa Galicia se apoiará na experiencia que xa conta de investigadores de éxito con apoios ERC: a comunidade ten acollido xa 10 proxectos nas tres universidades respaldados por estas bolsas, mobilizando 16 millóns de euros en campos como a medicina –con proxectos centrados na obesidade e no cancro-, a agricultura, a filoxenética ou a física teórica.

A partir desa experiencia e con Oportunius, subliñou Conde, a Xunta busca facer de Galicia “un estandarte científico europeo”.