Feijóo avoga por reforzar os criterios de igualdade de xénero nas convocatorias de axudas da Axencia Galega de Innovación para unidades e proxectos de investigación nos centros tecnolóxicos e nas empresas

2014-11-03
  • Afirma que o compromiso coa conciliación e a corresponsabilidade do Goberno galego se traduce nun aumento do 18% no programa orzamentario destinado a estas medidas
  • Avanza que á premisa de que os fondos comunitarios estean condicionados a facer con eles un uso innovador, se sumará unha segunda condición: a de impulsar con eles un uso de promoción da igualdade entre homes e mulleres no campo da innovación
  • Destaca a traxectoria da premiada e resalta que Carmen García comparte con María Josefa Wonenburger a preocupación pola menor presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos que se segue a rexistrar na actualidade
  • Asegura que iniciativas como este galardón e biografías como a de Carmen García Mateo son a mostra palpable de que o mundo das ensinanzas técnicas poder ser un mundo de mulleres de éxito

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a mellor homenaxe que a sociedade galega lle pode render a Mª Josefa Wonenburger é o compromiso de preservar a súa “fértil herdanza” e de seguir traballando en prol da igualdade. “Desde o Goberno galego estamos decididos a elo”, aseverou, subliñando que o Executivo autonómico reforzará os criterios de igualdade de xénero nas convocatorias de axudas da Axencia Galega de Innovación para unidades e proxectos de investigación nos centros tecnolóxicos e nas empresas, valorando non só a presenza feminina nos equipos de traballo, senón tamén, e moi especialmente, dixo, a inclusión de mulleres como coordinadoras ou investigadoras principais.

Ademais de precisar que o compromiso coa conciliación e a corresponsabilidade do Executivo se traduce nun aumento do 18% no programa orzamentario destinado a estas medidas Feijóo, que esta tarde entregou á catedrática de Enxeñería de Telecomunicación, Carmen García Mateo, o premio María Josefa Wonenburger Planells-2014, destacou tamén a innovación como un dos puntais nos que se sustenta o futuro da nosa economía. “Así o considera a UE e así o recolle a folla de ruta deseñada por Galicia para a captación de fondos comunitarios nos vindeiros anos a través da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3”, aseverou, despois de destacar que neste mapa innovador que trata de debuxar o noso porvir “é necesaria e fundamental a achega e o protagonismo das nosas mulleres”.

Nesta mesma liña, o titular da Xunta lembrou que desde o pasado ano os Orzamentos da Xunta inclúen un informe de impacto de xénero que avalía as posibilidades dos distintos programas de gasto para incidir de xeito especial no avance da igualdade entre mulleres e homes. “E este mesmo espírito é o que queremos trasladar aos programas operativos dos fondos europeos que recibamos”, afirmou, avanzando que á premisa de que os fondos comunitarios estean condicionados a facer con eles un uso innovador, se sumará unha segunda condición: a de impulsar con eles un uso de promoción da igualdade entre homes e mulleres no campo da innovación.

“Desde o Goberno galego imos consolidar a nosa aposta polo autoemprego feminino a través dunha liña especializada en proxectos de I+D liderados por mulleres”, precisou o presidente da Xunta, quen asegurou tamén que con iniciativas como estas o obxectivo do Goberno galego é achegar o seu gran de area “nesa inxente tarefa conxunta que temos por diante de abrir camiño para que as mulleres sigan conquistando metas e gañando presenza e notoriedade na nosa sociedade”.

No tocante á premiada, Feijóo subliñou que a catedrática da Universidade de Vigo Carmen García Mateo recolle o testemuño deixado por María Josefa Wonenburger ao ser recoñecida co galardón que leva a súa pegada. “Carmen García Mateo é –ao igual que quen inspira este recoñecemento- unha muller entusiasta do seu traballo, unha muller cun talento innato que está a desenvolver as súas investigacións en torno á teoría do sinal e ás comunicacións. Así, as liñas de estudo impulsadas pola homenaxeada céntranse en asuntos tan interesantes e funcionais como os sistemas de diálogo home-máquina, o recoñecemento da fala, a conversión texto-fala ou a codificación da voz”, salientou.

Así mesmo, resaltou que a galardoada comparte con María Josefa Wonenburger a preocupación pola menor presenza da muller nos ámbitos científicos e tecnolóxicos que se segue a rexistrar na actualidade. “E converte o seu labor diario –dixo- no mellor xeito de reivindicar a presenza feminina nestes eidos de coñecemento”.

O presidente da Xunta asegurou que o tesón, a coraxe e a perseveranza de mulleres con nome e apelidos como María Josefa Wonenburger ou Carmen García, pero tamén ese empeño e esforzo cos que miles de mulleres anónimas afrontan o seu quefacer do día a día, son as mellores armas para loitar contra unha sociedade estereotipada, para seguir superando barreiras e dando pasos na ansiada senda a prol da igualdade.

Se ben é incuestionable que nos últimos anos se teñen rexistrado avances importantes para incrementar a presenza da muller en espazos profesionais ata hai pouco reservados para os homes, Feijóo recoñeceu que “aínda nos restan moitos chanzos por subir nesta longa escaleira de cara a lograr a igualdade efectiva entre homes e mulleres”. E, neste sentido, lembrou que as análises realizadas constatan que segue a existir unha percepción das enxeñarías e profesións técnicas como un ámbito laboral masculino; “un prexuízo social –dixo- que cómpre erradicar e unha tarefa na que Administracións e sociedade debemos centrar os nosos esforzos e traballar conxuntamente”.

Ante este panorama, o responsable autonómico afirmou que iniciativas como este galardón e biografías como a de Carmen García Mateo constitúen a mellor contribución para acadar este obxectivo, xa que son a mostra palpable de que o mundo das ensinanzas técnicas poder ser un mundo de mulleres de éxito, que tamén pon a proba o reto da conciliación.