Economía e Industria avoga pola transferencia de resultados da Universidade á empresa para impulsar a competitividade do tecido produtivo

2014-10-24
  • Destaca a posta en marcha do programa de unidades mixtas de investigación que permitirá crear en Galicia 8 centros de innovación excelentes en eidos como o sanitario, o automobilístico ou o enerxético
  • Lembra que os programas Conecta Pemes e Feder-Innterconecta están a mobilizar máis de 250 millóns en proxectos de colaboración con universidades e centros tecnolóxicos nos que participan máis de 650 empresas galegas
  • Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que se configura como a folla de ruta da innovación en Galicia e conta coa implicación dos axentes do Sistema galego de I+D+i

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, participou hoxe no WorkShop Repsol Universidade da Coruña 2014, que ten por obxectivo fomentar a colaboración entre universidades e empresas no eido investigador. Neste contexto, Varela Rey subliñou a aposta da Xunta por unha innovación aberta, colaborativa, que impulsa a transferencia de resultados da investigación ao tecido empresarial impulsando a súa competitividade.

Durante a súa intervención, o director da Axencia destacou a recente posta en marcha do programa de unidades mixtas de investigación, que permitirá crear en Galicia 8 centros de innovación excelentes nos que participan grandes empresas, centros tecnolóxicos e persoal universitario.

A través destas unidades, explicou Varela Rey, promóvense proxectos en sectores como a automoción, o sanitario ou o enerxético, cimentando o crecemento económico da Comunidade na innovación e en actividades de alto valor engadido.

Neste sentido, Varela Rey subliñou tamén a importancia doutros programas como o Conecta Pemes e o Feder-Innterconecta, que elevan a aposta do Goberno galego pola innovación en colaboración entre empresas coa axuda de centros tecnolóxicos e de investigación e das universidades. De feito, os dous programas están a mobilizar máis de 250 millóns de euros en proxectos nos que participan máis de 650 empresas galegas.

O director da Axencia Galega de Innovación salientou que todas estas actuacións se encadran, así mesmo, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que se configura como a folla de ruta da innovación en Galicia que conta coa implicación de todos os axentes do Sistema galego de I+D+i.

Esta Estratexia, sinalou, ten por obxectivo xerar coñecemento e transferilo ao mercado, promovendo a competitividade empresarial, o crecemento económico e a creación de emprego estable.