Galicia contará cun centro de investigación en avións non tripulados de uso civil que se situará en Rozas e que converterá a Comunidade nun polo aeronáutico de referencia

2014-10-23
  • Afirma que este centro significará para Galicia situarse nunha posición de vangarda na aeronáutica, abrir canles de colaboración entre este sector e outros estratéxicos para a Comunidade, e dar un paso máis na aposta pola diversificación da economía galega
  • Subliña que con este proxecto ábrese unha oportunidade desde o punto de vista do emprego en Lugo, xa que o novo centro de investigación suporá a creación de ata 50 postos de traballo directos cando se atope a pleno rendemento
  • Destaca que, ao tratarse de postos de alta cualificación, significará tamén un importante acicate para a comunidade científica galega
  • Subliña a utilidade que terá a investigación en avións non tripulados para o desenvolvemento de áreas clave para Galicia como a detección de lumes, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego acaba de completar os trámites para poder desenvolver, tal e como anunciou no Debate sobre o Estado da Autonomía, un centro de investigación en avións non tripulados de uso civil que converterá a Comunidade nun polo aeronáutico de referencia.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que a localidade luguesa de Rozas será a sede deste proxecto, no que participan a Consellería de Economía e Industria, o Ministerio de Economía e Competitividade, e o Ministerio de Defensa, a través do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial-INTA. Deste xeito, impulsarase unha iniciativa que suma un investimento total de 10 millóns de euros e que permitirá desenvolver en Galicia, incidiu, “un polo tecnolóxico de referencia no sector aeronáutico”.

Sinerxías con outros sectores estratéxicos para Galicia

Segundo explicou, este novo Centro de Investigación Aerotransportada, que prevé autoxestionarse nun horizonte de tres anos, abrirá unha oportunidade nun campo que conta cunhas óptimas expectativas de crecemento. Por un lado, dixo, grazas ás sinerxías que presenta co conxunto do sector aeronáutico, pola súa capacidade para atraer grandes empresas internacionais neste eido; e tamén porque ten potencial para contribuír a outros sectores estratéxicos da economía como o da automoción e o naval, cos que comparte moitos procesos e metodoloxías.

Ao respecto, apuntou que se estima que o mercado destes sistemas de voo se multiplicará durante os próximos dez anos, desde os preto de 5.000 millóns de euros anuais ata os 8.000 millóns anuais ao final do decenio, o que supón un volume de negocio a nivel mundial de máis de 65.000 millóns na vindeira década.

Unha oportunidade para a creación de emprego cualificado

Por outra banda, Feijóo subliñou que con este proxecto ábrese tamén unha oportunidade desde o punto de vista do emprego en Lugo, xa que o novo centro de investigación suporá a creación de ata 50 postos de traballo directos cando se atope a pleno rendemento. E, dado que se trata de postos de alta cualificación, asegurou que isto suporá unha importante oportunidade para a comunidade científica galega e para a captación de talento investigador de alto nivel a Galicia.

Como terceiro aspecto, o titular da Xunta subliñou que con este centro ábrese, ademais, unha oportunidade de financiamento para o sector aeronáutico, ao contribuír ao posicionamento da Comunidade na vangarda europea deste ámbito.

Útil en áreas clave para Galicia

E, no eido da innovación, aseverou que esta iniciativa suporá unha importante oportunidade para o desenvolvemento de áreas clave para Galicia como a detección de lumes, a vixilancia da contaminación ou a xestión eficiente do territorio. Así, e a modo de exemplos, referiuse á utilidade dos avións non tripulados na actividade pesqueira, na que se buscarán, por exemplo, aplicacións para a localización de bancos de peixes e a xestión de mareas vermellas; na agricultura, que se verá beneficiada pola súa capacidade para localizar recursos hídricos; ou no sector forestal, que atopará grandes vantaxes nestes dispositivos para controlar incendios e pragas.

A modo de resumo, o responsable do Executivo autonómico afirmou que este centro significará para a Comunidade situarse nunha posición de vangarda na aeronáutica e abrir canles de colaboración entre este sector e outros estratéxicos para Galicia; ademais de que suporá máis emprego de alto nivel científico para a provincia de Lugo e, polo tanto para Galicia, e un paso máis na aposta por diversificar a economía galega.