Conde resalta que o recoñecemento de Energylab como Centro Tecnolóxico Nacional mellora a posición de Galicia na innovación enerxética

2014-10-17
  • Destaca que o traballo destes organismos é fundamental para aumentar a competitividade das empresas galegas no exterior e mellorar o seu posicionamento de cara a acceder aos fondos do Horizonte 2020
  • A Xunta está a impulsar o traballo dos centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos, cun investimento de máis de 130 millóns desde o 2009 tanto nas súas infraestruturas como a través do Innterconecta ou Conecta Pemes
  • Apunta que o Goberno galego, coa colaboración de EnergyLab e Gas Natural, impulsa unha unidade mixta de investigación encamiñada a atopar novas solucións na innovación enerxética galega

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe, no acto de presentación de EnergyLab como Centro Tecnolóxico Nacional, que este recoñecemento mellora a posición de Galicia na innovación enerxética.

Neste sentido, o conselleiro puxo en valor o papel de EnergyLab no ámbito da innovación e da eficiencia enerxética. “O bo facer diario do equipo humano e do padroado”, no que participan empresas de relevancia internacional e importantes organismos públicos do sector, explicou, “se recoñecen hoxe a través desta distinción” que amplía o horizonte de oportunidades que ofrece a eficiencia enerxética, incrementa as posibilidades de financiamento do Centro, e realza os proxectos que ten desenvolvido en ámbitos como a valorización de residuos, as masas forestais ou a aplicación de sistemas de propulsión ao transporte marítimo.

Deste xeito, explicou Conde, Galicia suma xa 6 centros tecnolóxicos nacionais nunha “alianza de coñecemento” chamada a xogar un rol fundamental na dinamización da innovación galega. O conselleiro sinalou que o traballo que desempeñan estes centros –AIMEN, CTAG, Anfaco-Cecopesca, Gradiant, o ITG e EnergyLab- resulta fundamental para transferir o seu coñecemento ao tecido produtivo galego, especialmente aos sectores estratéxicos. Así mesmo, contribúe a aumentar a competitividade das empresas galegas no exterior e mellora o seu posicionamento para acceder aos fondos do Horizonte 2020.

“Con este recoñecemento, Galicia da un paso máis na súa aposta por una innovación aberta, colaborativa, na que organismos como EnergyLab xogan un papel fundamental”, incidiu Conde. Por este motivo, a Xunta está a impulsar o traballo dos centros tecnolóxicos e do coñecemento cun investimento de máis de 130 millóns desde o 2009, tanto nas súas infraestruturas como a través de programas como o Innterconecta ou Conecta Pemes.

Estas actuacións, subliñou o titular de Economía e Industria, teñen permitido que os centros tecnolóxicos galegos incrementen nun 30% os seus planteis, o que supón un importante impulso na contratación de persoal investigador.

“Unha aposta que agora completamos con 8 unidades mixtas de investigación para crear en Galicia centros de innovación excelentes”, resaltou o conselleiro de Economía e Industria, quen avanzou que un destes proxectos contará coa colaboración de EnergyLab e Gas Natural e o apoio institucional e económico da Xunta permitindo desenvolver unha unidade mixta encamiñada a atopar “novas soluciones na innovación enerxética galega”.