Conde destaca a calidade e a innovación da automoción galega como claves para acadar os novos modelos de PSA Peugeot Citroën

2014-10-16
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta que os altos estándares de excelencia de PSA, a industria de compoñentes e o CTAG suman de cara a competitividade do sector, e chama a apostar pola flexibilidade e eficiencia como pancas para aumentar a competitividade
  • Subliña o respaldo da Xunta á automoción, con 100 millóns de euros en apoios en cinco anos, aos que se suma a renovada aposta pola innovación simbolizada na unidade mixta entre CTAG e a multinacional francesa
  • Defende ás empresas do sector como “un dos principais valedores de Galicia Calidade nos mercados estranxeiros”

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe os altos estándares de calidade e a innovación da automoción galega, xunto ao incondicional apoio da Xunta, como claves para acadar os novos modelos de PSA. Durante a apertura do Congreso de calidade na automoción, organizado pola Asociación Española para la Calidad, Conde subliñou ademais, como fortalezas competitivas do sector, “o propio know how da factoría viguesa” e da industria de compoñentes, a súa privilexiada posición loxística, e o fundamental papel do CTAG en apoio da vangarda do sector –simbolizada na unidade mixta recentemente creada coa propia PSA e a Xunta-.

Conde destacou ademais a necesidade de apostar pola flexibilidade e a eficiencia como pancas para impulsar aínda máis a competitividade do sector, e resaltou que esa constante procura da excelencia xa está permitindo á industria galega de compoñentes outros éxitos, como acadar todo tipo de acordos con empresas de medio mundo. “O bo traballo do sector de automoción estase a converter nun dos principais valedores de Galicia Calidade, de Galicia Quality, nos mercados estranxeiros”, salientou o conselleiro.

Conde subliñou o apoio do executivo a esa busca da excelencia que “imbúe a cada traballador e cada directivo de toda a cadea de valor”, avalando á automoción galega con preto de 100 millóns de euros en apoios nos últimos cinco anos; investindo en infraestruturas eléctricas e na mellora de procesos en Balaídos; poñendo en marcha a unidade mixta que, a partir dun acordo entre PSA Peugeot Citroën, Xunta e CTAG, marcará o futuro da condución autónoma na empresa; e impulsando outras dúas unidades mixtas coa industria de compoñentes que mobilizarán 10 millóns de euros, ademáis de mobilizar 27 millóns en proxectos innovadores na mesma industria de compoñentes a través do programa Innterconecta.

De cara ao futuro, Conde defendeu a importancia de que Galicia se consolide na vangarda das tecnoloxías facilitadoras que marcarán o futuro de Balaídos e a industria de compoñentes, como a nanoelectrónica, os materiais avanzados, ou os sistemas de produción avanzados. “Para abordar ese traballo poden contar connosco: xa estamos a planificar o noso investimento nesas áreas, a través da Estratexia de Especialización Intelixente”, que mobilizará 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020.