Economía e Industria salienta as posibilidades da RIS3 para que as pemes galegas aproveiten as liñas europeas de financiamento

2014-10-01
  • Subliña a importancia da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3 para maximizar as sinerxías dos programas europeos de I+D+i e optimizar o apoio pública á innovación
  • Salienta a apertura da terceira fase do programa europeo FI-PPP (Future Internet Public-Private Partnership), que destina 80 millóns de euros para fomentar a competitividade da industria de software e potenciar as vantaxes de internet
  • Destaca que a Axencia abre hoxe un servizo de asesoramento específico para participar neste programa e aproveitar as oportunidades que ofrece

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, participou hoxe na inauguración da xornada “Oportunidades de financiamento para pemes na internet do futuro”, onde subliñou as posibilidades que ofrece a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3 para que as pemes e os emprendedores galegos aproveiten as oportunidades de financiamento que ofrece Europa.

Varela Rey sinalou que a RIS3 define un marco de actuación no que as pemes innovadoras, o emprendemento e a transferencia de resultados ao tecido empresarial son “eixos centrais da súa estrutura”. Así, explicou, a Estratexia se configura como un instrumento que permite “maximizar as sinerxías cos programas europeos de I+D+i co obxectivo de optimizar o apoio público á innovación”, impulsando a competitividade das empresas.

Neste contexto, o director da Axencia Galega de Innovación apuntou as oportunidades do programa europeo FI-PPP (Future Internet Public-Private Partnership), que ten aberta a súa terceira fase pondo a disposición de pemes e emprendedores 80 millóns de euros para apoiar iniciativas que fomenten a competitividade da industria de desenvolvedores de software e potencien o enlace entre internet, servizos innovadores e aplicacións públicas e sociais.

Para o seu aproveitamento, a Consellería de Economía e Industria, a través da Axencia de Galega de Innovación, pon hoxe en marcha un servizo de asesoramento específico que busca facilitar aos interesados o aproveitamento das posibilidades que ofrece o programa. “O servizo incluirá deste orientacións iniciais ata o apoio necesario para a preparación da proposta concreta a presentar”, avanzou Varela Rey.

Este programa, incidiu o director, achega, ademais de financiamento, un “excelente ecosistema de innovación con servizos de soporte a nivel internacional: mentoring, networking, formación e acceso a inversores especializados”, converténdose nunha “gran oportunidade para que as boas ideas innovadoras de Galicia se transformen en produtos ou servizos comerciais de éxito sobre os que asentar a competitividade da economía galega nos próximos anos”.