O presidente da Xunta salienta a aposta pola innovación e a internacionalización que está a realizar a industria transformadora e comercializadora dos produtos da pesca en Galicia

2014-09-27
  • Apunta que o noso país produciu o pasado ano 342.000 toneladas de conservas, cun valor económico de 1.500 millóns de euros, das cales o 85% foron procesadas na Comunidade
  • Pon como exemplo á empresa Cerdeimar por ter sido capaz, a pesar da crise económica destes últimos anos, de “seguir en pé e adaptarse aos tempos” grazas á súa aposta continua pola innovación e pola busca da máxima calidade nos mercados
  • Asegura que este grupo empresarial é “un modelo a seguir no sector conserveiro galego”, nunha terra, engadiu, que é un territorio líder no conxunto do sector europeo da conserva
  • Sinala que se trata dunha industria familiar comprometida co seu pobo e coa súa comarca, e que preto do 80% dos seus 170 traballadores son mulleres, o que acredita, di, “a meticulosidade e a laboriosidade” do equipo humano que traballa nas súas instalacións
  • Ratifica o compromiso da Xunta coa Costa da Morte, e adianta que se retomarán de forma inmediata as obras da autovía no seu primeiro treito para dotar esta zona de Galicia de maiores condicións de competitividade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o apoio do Goberno galego ao fomento da modernización na industria transformadora e comercializadora dos produtos da pesca da Comunidade, un apoio que, desde o ano 2012, se ten materializado en investimentos por máis de 100 millóns de euros.

Durante o acto de celebración do 130 aniversario do Grupo Cerdeimar, especializado na transformación de produtos do mar, Feijóo puxo como exemplo a esta empresa conserveira por ter sido capaz, a pesar da crise económica destes últimos anos, de “seguir en pé e adaptarse aos tempos” grazas á súa aposta continua pola innovación e pola busca da máxima calidade nos mercados.

“Sodes un modelo a seguir no sector conserveiro galego”, dixo, nunha terra, engadiu, que é un territorio líder no conxunto do sector europeo da conserva. Así, Feijóo apuntou que o noso país produciu o pasado ano 342.000 toneladas de conservas, cun valor económico de 1.500 millóns de euros, das cales o 85% foron procesadas na Comunidade.

O presidente da Xunta puxo ao Grupo Cerdeimar, radicado en Camariñas, como exemplo de industria familiar comprometida co seu pobo e coa súa comarca, “que se sente orgulloso do lugar ao que pertence”, subliñou. Nesta liña, sinalou que preto do 80% dos 170 traballadores desta empresa son mulleres, o que acredita, dixo, “a meticulosidade e a laboriosidade” do equipo humano que traballa nas súas instalacións.

No caso concreto do Grupo Cerdeimar que, segundo resaltou o presidente, exportou a mercados exteriores o 35% da súa produción, o Executivo autonómico contribuíu, nos últimos anos, aos 7 proxectos (realizados ou en execución) destinados á súa mellora tecnolóxica ou ao turismo industrial, como o Museo da Conserva que ten proxectado.

Por último, Feijóo ratificou o compromiso da Xunta coa Costa da Morte, e adiantou que se retomarán de forma inmediata as obras da autovía no seu primeiro treito para dotar esta zona de Galicia de maiores condicións de competitividade.