Conde sinala que o futuro do naval ferrolán pasa pola construción civil e militar e o reforzo da área de reparacións

2014-09-24
  • Avoga por aproveitar a oportunidade que lle abre o levantamento do veto e salienta que a diferenciación, a innovación e a capacidade tecnolóxica son fundamentais para que o estaleiro ferrolán sexa competitivo
  • Incide en que a Xunta ten en marcha unha axenda integral de apoio ao sector para dotalo de todos os instrumentos necesarios para que sexa capaz de xerar novos empregos e dinamizar a economía galega
  • Subliña que Navantia conta hoxe con 4 novos contratos por 400 millóns de euros
  • Recorda que o Goberno galego mantén o compromiso presupostario para dotar o estaleiro das infraestruturas necesarias no ámbito da reparación de buques
  • Apunta o diálogo constante con todos os axentes e salienta que o papel de Defensa permitirá a colaboración con outras armadas e o desenvolvemento de proxectos de alta intensidade tecnolóxica no ámbito militar
  • Lembra o compromiso da Xunta coa dinamización económica de Ferrolterra e a diversificación da súa industria, como está a facer coa terminal de contenedores do porto ou o HUB de Reganosa

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que o futuro do naval ferrolán pasa pola construción civil e militar e o reforzo da área de reparacións. Neste sentido, avogou por aproveitar a oportunidade que lle abre a Navantia o levantamento do veto, e apuntou que, nunha economía globalizada sometida a unha forte competencia, a diferenciación, a innovación, e a capacidade tecnolóxica son as claves para que o estaleiro ferrolán e o sector naval galego sexan competitivos, garantindo así contratos e carga de traballo.

Neste eido, o conselleiro lembrou que o Goberno está a levar a iniciativa e mantén un firme compromiso co naval fóra de toda dúbida, desenvolvendo unha axenda integral de apoio ao sector para dotalo de todos os instrumentos necesarios para que sexa máis competitivo e innovador, e para que sexa capaz de xerar novos empregos e dinamizar a economía galega.

Neste contexto, Navantia ten que dar resposta a un novo escenario internacional, o que supón tamén ser competitiva e traballar na construción civil e militar; e reforzar a área de reparacións. Así, lembrou que a Xunta mantén o compromiso presupostario para dotala das infraestruturas necesarias para impulsar o seu liderado neste eido. Sinalou tamén o conselleiro de Economía e Industria que xa se ten pedido a Navantia que presente un Plan específico de investimentos no ámbito da reparación de buques.

O conselleiro remarcou así mesmo o continuo diálogo con todos os axentes implicados. Lembrou así a recente reunión co comité de empresa, na que tivo a oportunidade de coñecer as súas inquedanzas e abordar a necesidade de que o estaleiro estea preparado para afrontar os importantes retos que definirán o seu futuro, coa apertura á construción civil, e apostando pola mellora da súa xestión e o fortalecemento da súa capacidade tecnolóxica. E referiuse tamén ás reunións tanto co presidente da Sepi como co secretario de Estado de Defensa, destacando o papel que xogará o Ministerio en aspectos concretos como a colaboración con outras armadas o o desenvolvemento de proxectos de alta intensidade no ámbito militar.

Incidiu o responsable de Economía e Industria en que Navantia conta hoxe con 4 contratos por 400 millóns de euros, unha realidade moi distinta á que tiña cando o Goberno asumiu a responsabilidade de colaborar con Navantia, que non tiña contratos en carteira. Ademais, lembrou a carga de traballo da área de reparacións.

Así mesmo, subliñou Conde o compromiso da Xunta coa dinamización económica de Ferrolterra e a diversificación da súa industria, como está a facer coa terminal de contenedores do porto ou o HUB de Reganosa.

No contexto do conxunto do sector, o conselleiro apuntou que se está xa avanzando, lembrando a consecución dos floteis de Pemex; a entrada da petroleira mexicana en Barreras, que ten por diante contratos por valor de 600 millóns de euros; ou os contratos conseguidos polos estaleiros privados.

Dentro da axenda integral de apoio ao naval, Conde incidiu tamén en que se ten conseguido un novo réxime de tax lease que potencia a competitividade dos estaleiros con plena seguridade xurídica, e que servirá de estímulo para a firma de novos contratos; así como o respaldo financeiro ao sector, a través do Fondo de Garantías Navais e a nova liña de avais para impulsar a industria auxiliar do naval; e o impulso á innovación, á capacitación e á empregabilidade.