Feijóo subliña a aposta de Galicia pola biotecnoloxía, que se consolida como un sector estratéxico na mellora da calidade de vida de toda a cidadanía

2014-09-24
  • Destaca o liderado da Comunidade na investigación biotecnolóxica, que emprega máis de mil profesionais nos prestixiosos centros do Campus Vida e do Campus do Mar
  • Reivindica a empresa privada como polo de desenvolvemento para o sector e salienta as axudas do Executivo para a creación e a internacionalización de compañías innovadoras
  • Pon en valor as múltiples aplicacións da biotecnoloxía, entre as que salienta a mellora na eficiencia e nas prestacións do sistema sanitario
  • Enmarca o apoio da Xunta ao sector como parte dunha estratexia global de fomento das actividades económicas punteiras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a aposta do Executivo galego pola biotecnoloxía, que cualificou como un “sector estratéxico” para mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía. O mandatario autonómico participou na recepción oficial de BioSpain 2014, que tivo lugar esta tarde no Hostal dos Reis Católicos.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou o apoio prestado polo Goberno autonómico á investigación biotecnolóxica, que se desenvolve nos dous Campus de Excelencia Internacional cos que conta a Comunidade –o Campus Vida da Universidade de Santiago e o Campus do Mar da Universidade de Vigo–, a través de tres institutos de investigación que empregan máis de 1.000 profesionais distribuídos nun cento de grupos de traballo. Grazas a esta aposta, “hoxe en día ninguén dubida de que dispoñemos do coñecemento científico, a capacidade tecnolóxica e a visión empresarial para ser competitivos”, subliñou.

O presidente da Xunta quixo reivindicar a empresa privada como o outro gran polo de desenvolvemento do sector, promovido polo Executivo autonómico mediante axudas para a creación e internacionalización de proxectos biotecnolóxicos. Estas compañías representan unha “transformación histórica” no noso sistema produtivo e están presentes en países como Uruguai, India ou África do Sur, situando Galicia como a terceira rexión máis bioemprendedora de España, tal e como lembrou o mandatario galego.

A importancia da biotecnoloxía

Feijóo tamén puxo en valor a importancia da biotecnoloxía nas súas múltiples aplicacións, entre as que destacou a sanitaria. Nese senso, o presidente da Xunta reivindicou o papel do Sergas como axente dinamizador para o sector, que ten o seu reflexo nos programas Hospital 2050 e Innova Saúde. Grazas a eles, Galicia está a ser pioneira no aproveitamento da intelixencia colectiva para a mellora das políticas públicas, consolidándose como un referente de innovación sanitaria e alumeando o futuro dun sistema que será “máis eficiente” e ofrecerá “máis e mellores prestacións” á cidadanía.

O mandatario galego quixo rematar enmarcando a aposta do Goberno galego polo sector biotecnolóxico como parte dunha política global de apoio ás actividades económicas máis innovadoras, que ten o seu reflexo na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), así como nos máis de 1.600 millóns de euros mobilizados a través dos fondos FEDER. “O futuro xa está aquí e pasa pola biotecnoloxía”, concluíu, despois de agradecerlle á Asociación Española de Bioempresas (ASEBIO) a confianza depositada en Galicia como sede deste prestixioso congreso internacional.