Conde destaca a oportunidade que supón para Galicia a atracción de novos investimentos no sector biofarmacéutico

2014-09-23
  • O conselleiro de Economía e Industria convida a representantes de empresas líderes no sector a aproveitar o talento, as infraestruturas e os fondos cos que conta a comunidade para o desenvolvemento de novos fármacos
  • Salienta que o proxecto Innopharma fomenta a innovación aberta e a transferencia de coñecemento entre o sector público e privado, estratéxicos para a Xunta
  • Resalta que a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia ten entre os seus principais retos a innovación para a mellora da calidade de vida

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, que participou hoxe na clausura do I Workshop Innopharma, salientou a oportunidade que supón para Galicia a atracción de novos investimentos no sector biofarmacéutico, e convidou aos representantes de empresas líderes a nivel europeo neste ámbito a aproveitar o talento, as infraestruturas e os fondos cos que conta Galicia para o desenvolvemento de novos fármacos na comunidade.

Neste sentido, Conde resaltou que o proxecto Innopharma, que conta co apoio da Xunta e do Ministerio de Economía e Competitividade, impulsa a innovación aberta e a transferencia de coñecemento entre o sector público e privado, eidos que o Goberno galego considera estratéxicos para Galicia e polos que está apostando decididamente con programas como o Innterconecta ou o Conecta Pemes, así como coas unidades mixtas do programa Innova en Galicia, coas que se está a potenciar a atracción de investimentos.

Destacou así mesmo o conselleiro de Economía e Industria que a innovación para a mellora da calidade de vida centra un dos tres retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que guiará o investimento de máis de 1.600 millóns de euros de fondos europeos e capital privado durante os vindeiros sete anos, convertendo a comunidade nunha economía baseada na innovación.

Conde lembrou que a biotecnoloxía é xa un sector en expansión na comunidade co que a Consellería de Economía e Industria ten un compromiso claro, e sinalou que Innopharma, con Mabel Loza e Ángel Carracedo á cabeza, senta as bases para a creación e a consolidación en Galicia dun tecido industrial farmacéutico punteiro a nivel internacional, salientando que “vencer as barreiras que dividen as esferas pública e privada é o único modo de conseguir un novo progreso”.