Economía e Industria salienta a importancia da cooperación como clave para consolidar a internacionalización das empresas

2014-09-22
  • Aguilera destaca a importancia do traballo en rede para asegurar a entrada das empresas en novos mercados exteriores
  • Manuel Varela subliña a aposta da Xunta pola innovación aberta e o fortalecemento das redes de intercambio, plasmada na Estratexia de Especialización Intelixente
  • A Enterprise Europe Network, na que tamén participa a CEG, aglutina 600 organizacións e 4.000 profesionais de 53 países

Os directores xerais do Igape, Javier Aguilera, e da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destacaron esta tarde na apertura do VII encontro de consorcios españois da rede europea de empresas Enterprise Europe Network (EEN), a importancia da cooperación e o traballo en rede como claves para mellorar a competitividade das empresas galegas e consolidar a súa internacionalización.

Javier Aguilera salientou que o Igape concede unha atención prioritaria á colaboración entre empresas, en programas como o Primex para primeiras implantacións comerciais en mercados exteriores ou Cooperex –para formación de grupos de exportación–, e ao traballo en redes como a Pexga, o Foexga ou as asociacións de empresarios galegos no exterior. A cooperación é o instrumento idóneo para optimizar recursos e minimizar riscos no eido internacional, dixo.

Pola súa banda, Manuel Varela resaltou que a Enterprise Europe Network é unha ferramenta clave para impulsar a presenza das empresas galegas nos programas de innovación e mellorar o seu acceso aos fondos de financiamento internacionais. Varela lembrou así mesmo a aposta da Xunta pola innovación aberta, o fortalecemento das redes de intercambio e de coñecemento, e a cooperación entre entidades, aposta plasmada na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que mobilizará na comunidade 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020.

A Entreprise Europe Network é a rede de apoio ás pequenas e medianas empresas máis extensa, e ten como obxectivos promover, desde unha perspectiva local, a innovación, a competitividade e a internacionalización das pemes europeas. Os socios españois nesta rede, entre os que están o Igape, a Axencia Galega de Innovación e a CEG, reúnense unha vez por ano para intercambiar experiencias e boas prácticas, para analizar resultados acadados e para poñer en común liñas de actuación futuras.

A través da rede europea de empresas Enterprise Europe Network, a Consellería de Economía e Industria facilítalles ás empresas galegas información e servizos adicionais para a procura noutros mercados de socios, aliados, provedores ou clientes.

No encontro, que se desenvolve hoxe e mañá en Santiago, na sede da CEG, exporanse casos de éxito de empresas galegas como Hijos de Rivera, Quialinnova Consultin ou Unika Proyectos, que conseguiron avanzar na súa internacionalización contando coa apoio desta rede europea de empresas, que facilita servizos de internacionalización e transferencia de tecnoloxía, asesoramento xurídico e información de interese para as pemes.