A Xunta e o CTAG colaborarán con PSA Peugeot Citröen para desenvolver en Vigo unha unidade de investigación no eido da condución autónoma

2014-09-18
  • O CTAG achegará especialistas nesta materia, laboratorios, o simulador do que dispón e a pista de probas. A isto sumarase a experiencia profesional de enxeñeiros da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citröen; “e, igualmente, desde a Xunta poranse á súa disposición os recursos tecnolóxicos da Axencia Galega de Innovación”
  • Feijóo abunda en que grazas a esta cooperación, Galicia contará cunha unidade pioneira de I+D+i que nos permite dotarnos dun polo tecnolóxico de referencia nun sector estratéxico para a nosa economía, e seguir poñendo en valor os centros tecnolóxicos galegos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a cooperación entre o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia e a Axencia Galega de Innovación para desenvolver en Vigo, en colaboración con PSA Peugeot Citröen, unha unidade de investigación no eido da condución autónoma.

Logo de precisar que esta iniciativa enmárcase dentro da aposta da Xunta por tentar atraer cara a Galicia centros de innovación mixtos, nos que participen empresas e organismos de investigación galegos; Feijóo resaltou que cun investimento de máis de 4 millóns, o proxecto centrarase no desenvolvemento de novas interfaces entre o condutor e o seu vehículo, apoiándose en probas de realidade virtual e a integración da realidade aumentada, condición indispensable para a introdución no mercado de vehículos autónomos e conectados.

Con este obxectivo, Feijóo explicou que o CTAG achegará especialistas nesta materia, laboratorios, o simulador do que dispón e a pista de probas. A isto sumarase a experiencia profesional de enxeñeiros da fábrica viguesa de PSA Peugeot Citröen; “e, igualmente, desde a Xunta poranse á súa disposición os recursos tecnolóxicos da Axencia Galega de Innovación”.

Durante a rolda de prensa, o presidente da Xunta abundou en que grazas a esta cooperación, Galicia contará cunha unidade pioneira de I+D+i que nos permite lograr varias cousas fundamentais: dotarnos dun polo tecnolóxico de referencia nun sector estratéxico para a nosa economía, como é o sector do automóbil, que suma máis de 100 empresas e achega o 14% do PIB da Comunidade e seguir poñendo en valor os centros tecnolóxicos galegos, “como facemos co CTAG, en cuxas novas instalacións temos investido 10 millóns, e que resulta clave para a atracción deste tipo de iniciativas que impulsan o futuro da automoción en Galicia”.

Así mesmo, e como terceiro punto, Feijóo afirmou que con este proxecto dáse continuidade a aposta da Xunta pola innovación nun dobre sentido: innovación no eido do automóbil de forma concreta, un sector no que o Goberno galego ten mobilizado investimentos por valor de 600 millóns de euros desde o 2009; e innovación da economía con carácter xeral.

Sobre este último aspecto, o presidente da Xunta insistiu en que o resultado final desta cooperación será non só a posta en marcha da unidade mixta de investigación, favorecendo a mellora competitiva dun dos ámbitos clave da automoción en Galicia, senón tamén a creación de valor a través de futuras innovacións, clave para mellorar a competitividade e o crecemento económico da Comunidade.