Economía e Industria destaca a aposta pola innovación da viguesa Kaleido para manter a súa competitividade no sector loxístico

2014-09-16
  • O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e de Igape, respalda á compañía con apoios que están a mobilizar dous millóns de euros en proxectos de expansión e innovación da empresa
  • O director de Gain, Manuel Varela, resalta a xeración de novos produtos e servizos da compañía a través da I+D+i, expandindo o seu eido de negocio a ámbitos como o transporte de contenedores
  • Salienta que a loxística é un dos sectores prioritarios incluídos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que mobilizará na comunidade 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, destacou hoxe a aposta da empresa viguesa Kaleido pola innovación para manter a súa competitividade no sector da loxística, un eido no que esta entidade empezou a operar –co nome de Vasco Gallega- fai preto de 40 años. Varela visitou en Vigo a sede da compañía, que a Consellería de Economía e Industria está a respaldar con apoios que mobilizan dous millóns de euros en proxectos de expansión e innovación.

Ese respaldo se materializa, por exemplo, en media ducia de proxectos do programa de Gain Conecta Pemes, nos que Kaleido participa para desenvolver iniciativas como un proxecto de mellora tecnolóxica que permita transportar máis eficientemente as pezas de aeroxeradores; o proxecto Sherpa, destinado a desenvolver a automatización do traballo en almacéns a través –por exemplo- de plataformas móbiles autónomas; ou un extensivo análise dos fluxos loxísticos para minimizar o seu impacto ambiental. Varela, que comprobou in situ a marcha destas iniciativas, salientou que a empresa está a innovar non só nos seus procesos internos, senón na xeración de novos produtos e servizos do eido loxístico, potenciando a súa presenza nos eidos automobilístico e de contenedores.

A estes apoios se lles suman os aportados polo Igape, que contribuíu á construción de dúas naves e a reforma dunha terceira, para incrementar a capacidade loxística da empresa en 3.700 metros cadrados, unha mellora destinada fundamentalmente a prestar servizos a empresas do sector da automoción.

O respaldo do Goberno galego á innovación no sector loxístico, subliñou Varela durante a súa visita, se reforzará no futuro, xa que, resaltou, a loxística é un dos sectores prioritarios incluídos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, que mobilizará na comunidade 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020.

Kaleido, que forma parte do Grupo Vasco Gallega, naceu como consignataria no porto de Vigo, e foi ampliando o seu eido de negocio para especializarse no transporte e almacenaxe de mercadorías en sectores como a pedra, o automóbil, o forestal, o siderúrxico ou o naval. Nos últimos anos tamén entrou con forza en mercados como o transporte en contenedores ou os proxectos integrais relacionados coa industria e a enerxía eólica.