Feijóo resalta o apoio da Xunta ao fomento da I+D+i na industria mariña e alimentaria galega, o que lle permite gañar competitividade e responder mellor ás demandas de mercados e consumidores

2014-09-15
  • Subliña que a RIS3 pon o acento na investigación e na innovación para revalorizar os subproductos e descartes da pesca e da industria conserveira; no aumento da seguridade da materia prima galega; e no desenvolvemento de alimentos que, a través da biotecnoloxía, melloren a calidade de vida das persoas con necesidades especiais
  • Destaca que a Xunta ten inxectado 6 millóns aos centros de coñecemento da Comunidade –CECOPESCA E CETMAR- para o desenvolvemento de produtos e servizos competitivos e para a diversificación do sector alimentario
  • Lembra a construción do Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria, que suporá un investimento de 8,5 millóns
  • Refírese ao desenvolvemento de 6 proxectos de investigación de alto impacto para a cadea mar-industria, cun investimento de 10,8 millóns ao amparo do Feder-Innterconecta; e ás axudas do Conecta Pemes para proxectos de I+D+i promovidos por empresas do sector, que mobilizan 9 millóns de euros
  • Destaca que Galicia ten unha cadea alimentación-industria que xera o 7,5% do valor actual neto galego e que acolle case o 10% das persoas empregadas; é unha potencia pesqueira e acuícola a nivel mundial; e ocupa o primeiro posto da Unión Europea e o segundo a nivel internacional no que a conservas de pescados e mariscos se refire

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso e o apoio do Goberno galego ao fomento e promoción da I+D+i na industria mariña e alimentaria galega co fin de que gañe competitividade e poida responder mellor ás demandas de mercados e de consumidores. Así o sinalou durante o acto de inauguración do II Simposio científico internacional para a innovación na industria mariña e alimentaria, que se celebra hoxe e mañá na cidade de Vigo.

O mandatario autonómico considerou que de cara aos próximos anos, o valor engadido que achegarán os resultados da I+D+i será “determinante” á hora de acadar os niveis de competitividade e as cotas de mercado que o complexo mar-industria precisa para facer fronte aos retos dun mercado cada vez máis globalizado e exixente. “O sector pesqueiro e alimentario galego é moi consciente disto” e “coñece ben os retos aos que debe facer fronte se quere seguir mantendo o liderado e continuar sendo referente español e europeo”, afirmou.

Nesta liña, lembrou que Galicia conta cun sistema alimentación-industria que xera o 7,5% do valor actual neto galego e que acolle case o 10% das persoas empregadas; é unha potencia pesqueira e acuícola a nivel mundial, cuns ingresos anuais arredor dos 770 millóns de euros, dando emprego a máis de 4.200 persoas; e ocupa o primeiro posto da Unión Europea e o segundo a nivel internacional no que a conservas de pescados e marisco se refire, un segmento que achega case 12.000 postos de traballo e o 78% do emprego do sector en España, acadando arredor de 1.120 millóns de euros anuais en facturación, o 85% do total nacional.

Apoio da Xunta ao sector

“No Goberno galego coñecemos o carácter estratéxico que este vector industrial ten na nosa economía”, asegurou Feijóo, destacando que desde a Xunta se teñen posto en marcha un amplo número de instrumentos que están axudando a un aumento da intensidade tecnolóxica das empresas galegas, á innovación dos seus produtos e procesos, así como á especialización e á diversificación do seu catálogo comercial.

Así, explicou, a RIS3, a Estratexia de Especialización Intelixente, pon o acento na investigación e na innovación para revalorizar os subprodutos e descartes da pesca e a industria conserveira; no aumento da seguridade da materia prima galega; e de maneira particular, no desenvolvemento de alimentos funcionais que, a través da biotecnoloxía, melloren a calidade de vida das persoas con necesidades especiais.

Así mesmo, a Xunta ten inxectado 6 millóns de euros aos centros de coñecemento da Comunidade –CECOPESCA e CETMAR- para o desenvolvemento de produtos e servizos competitivos e para a diversificación do sector alimentario.

Ademais, un proxecto “singular e de grande importancia” para o Goberno galego é a construción do Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria, que suporá un investimento de 8,5 millóns.

Xunto con isto, o mandatario autonómico resaltou o desenvolvemento de 6 proxectos de investigación de alto impacto para a cadea mar-industria, cun investimento de 10,8 millóns, ao amparo do programa FEDER-Innterconecta; ademais das axudas do programa Conecta Pemes para proxectos de I+D+i promovidos por empresas do sector pesqueiro e da industria de transformación asociada. Unhas axudas que permiten mobilizar un investimento de 9 millóns.

Todas estas son, segundo Feijóo, iniciativas que mostran o apoio que desde a Xunta se está ofrecendo e se vai seguir dando para impulsar a I+D+i das industrias pesqueiras e alimentarias galegas, conscientes, dixo, de que “na innovación está a chave do futuro”. Nesta liña, considerou que, só a través do deseño dunha estratexia baseada na innovación, as empresas galegas serán capaces de afrontar os seus retos: o crecemento, a creación de emprego e o impulso dunha industria sustentable, respectuosa co medio e á altura das exixencias de mercados e consumidores.

II Simposio científico internacional

Por último, o presidente galego referiuse á celebración do II Simposio científico internacional para a innovación na industria mariña e alimentaria como un foro axeitado que lle blinda ás empresas unha visión integral das problemáticas e das novas tendencias, o que lles axudará a definir e trazar unha folla de ruta para o futuro.

A este respecto, Feijóo lembrou que o porvir desta industria pasa por unha actividade pesqueira “sustentable”, por un sector transformador “respectuoso co medio”, e por unha clara aposta pola acuicultura, que evite a presión pesqueira sobre os xacementos mariños e, ao tempo, axude a satisfacer a cada vez maior demanda global de pescados e mariscos.

O presidente galego incidiu, ademais, en que as previsións da FAO suxiren que, no ano 2030 o 62% do pescado que consumamos procederá da acuicultura, e que países con elevados niveis de inseguridade alimentaria na actualidade se terán convertido tamén en grandes produtores mundiais. Neste sentido, Feijóo subliñou que se fai necesario que gobernos de terceiros países “se comprometan a abrazar prácticas que regulen e exixan plenas garantías alimentarias a produtores e transformadores de alimentos”, ao tempo que se fai indispensable garantir unhas condicións dignas aos traballadores do sector pesqueiro, que contribúan a reforzar unha economía global de libre mercado sen que supoña unha ameaza para os produtores responsables nin tampouco para os consumidores. “A creación e revisión de normativas comunitarias e internacionais para a regulación efectiva destes aspectos será una das vertentes que maior esforzo e dedicación requirirá”, concluíu.