Portos de Galicia presentará a proposta de ‘Smart Ports’ ás convocatorias europeas de financiamento de I+D+i

2014-08-13
  • Presentará candidatura aos programas europeos deste ámbito cun proxecto baseado na modernización técnica das dársenas para a plena integración nas cadeas loxísticas e intermodais

Portos de Galicia está a traballar na proposta Smart Ports, Portos Intelixentes, de cara a presentala ás próximas convocatorias europeas de financiamento de accións de I+D+i. Esta proposta pasa pola definición e procura dun modelo de infraestruturas e xestión portuarias baseado na innovación tecnolóxica de cara á xeración de valor engadido ás actividades que se desenvolven nos peiraos de titularidade autonómica.

O ente público que preside José Juan Durán presentará a súa candidatura aos programas europeos destinados ao impulso da innovación tecnolóxica con este proxecto que se basea na modernización técnica das dársenas. A través desta dotación preténdese consolidar a liña de traballo na que se vén avanzando ata agora en relación á planificación e xestión sustentable das dársenas e dar un paso definitivo para a plena integración dos portos autonómicos nas cadeas loxísticas e intermodais.

En relación a este carácter integrador da proposta de Smart Ports, a dotación de tecnoloxía intelixente nos peiraos galegos, potenciará tamén a capacidade de coordinación entre os recursos públicos e as necesidades e recursos do capital privado de cara a incrementar a colaboración económica entre ambos. Así mesmo, impulsará unha mellor coordinación transversal entre todas as actividades que se desenvolven nos portos de titularidade da Xunta de Galicia, nomeadamente pesqueira, comercial, náutica recreativa e transporte de pasaxeiros.