A Xunta outorga o premio ‘María Josefa Wonenburger’ á catedrática de enxeñería de telecomunicación Carmen García Mateo

2014-09-05
  • O Goberno galego creou este recoñecemento no ano 2006 para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía
  • A Unidade de Muller e Ciencia lembrou á recentemente falecida María Wonenburger, coa presentación dun estudo sobre a súa figura feito por dúas catedráticas galegas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe o Pleno da Unidade de Muller e Ciencia no que se designou á catedrática de Enxeñería de Telecomunicación Carmen García Mateo como nova galardoada co Premio ‘María Josefa Wonenburger’.

A Xunta creou este premio no ano 2006 para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaria Xeral da Igualdade. Dende a súa creación, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía.

A premiada deste ano, Carmen García Mateo, é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Licenciouse no ano 1987 na Universidade Politécnica de Madrid e doutorouse en 1993 cunha tese sobre “Técnicas de Representación do Espectro en Codificación de Voz e Baixa Velocidade”.

Desde principios dos anos noventa traballa como profesora titular na Escola de Enxeñería de Telecomunicación, na Universidade de Vigo, onde tamén ten desenrolado o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, entre os anos 2006 e 2010. Así mesmo, ten participado en importantes publicacións científico-técnicas e multitude de proxectos de I+D; e é socia fundadora da Sociedade Española para a Acústica Forense, SEAF.

Ademais, na reunión tamén se presentou un estudo sobre a figura de María Josefa Wonenburger Planells, a matemática coruñesa que da nome ao premio e que faleceu o pasado mes de xuño na Coruña. O estudo desta referente internacional no ámbito das ciencias foi presentado polas súas autoras, as catedráticas da Universidade da Coruña, María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar.

María Wonenburger

María Josefa Wonenburger Planells naceu en Oleiros e estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid. En 1953, trasladouse a Estados Unidos para se especializar en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale, leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades –Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana) – e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, unha das teorías de álxebra máis revolucionarias dos últimos tempos, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas.

Lista de premiadas

A primeira premiada co ‘María Josefa Wonenburger’ foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela; un ano despois, en 2008, recibiuno María Teresa Miras Portugal, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade Complutense de Madrid; e no ano 2009 Marisol Soengas González, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

No ano 2010 a premiada foi Carmen Navarro Fernández-Valbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; en 2011 foi Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela; e en 2012 María Tarsy Carballas Fernández, edafóloga, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas. A última galardoada ata o momento fora María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, e responsable do laboratorio de nano biofármacos no centro de investigación CIMUS da USC.

Unidade Muller e Ciencia

A presidencia do pleno da Unidade Muller e Ciencia recae na secretaria xeral da Igualdade e as tres vicepresidencias no secretario xeral de Universidades, na directora xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e no director xeral de I+D+i, completándose a representación con mulleres expertas procedentes do ámbito universitario. A Unidade Muller e Ciencia creouse en 2007 coa finalidade de contar cun área de traballo interdepartamental estable que dinamice e transforme a ciencia e a tecnoloxía galegas, co obxectivo de que as actuacións dende a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde coas necesidades actuais.