A Xunta salienta que os proxectos conxuntos de CTAG e PSA Peugeot Citroen colocan a Galicia á vangarda da innovación automobilística

2014-09-03
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director de I+D+i de PSA Peugeot Citroën, Jean Marc Finot, participaron nunha xornada de traballo na sede do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia onde coñeceron en detalle o novo Centro de Excelencia en Electrónica
  • Destacou que os proxectos de innovación que están a levar a cabo CTAG en colaboración co xigante galo, reforzan a competitividade da compañía e da factoría de Balaídos
  • Sinalou que as novas instalacións de CTAG resultan clave para a atracción de novos proxectos e oportunidades que impulsarán o futuro da automoción en Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director de I+D+i de PSA Peugeot Citroën, Jean Marc Finot, participaron hoxe nunha xornada de traballo no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), na que Conde destacou que os proxectos innovadores conxuntos do centro e o xigante galo colocan a Galicia “á vangarda da innovación no sector da automoción”.

A presenza de Finot en Vigo, resaltou o conselleiro, responde á confianza no traballo desenvolvido por Galicia en proxectos xa en marcha e abre as portas a novos proxectos en colaboración con CTAG. Conde subliñou neste senso a estreita relación entre a empresa, o centro tecnolóxico e a Xunta de Galicia, unha alianza “determinante” para o futuro de Galicia fundada sobre o talento, sobre a innovación e sobre un traballo compartido que xa está a dar froitos. Así, destacou que os proxectos de innovación que están a levar a cabo CTAG e PSA reforzan a competitividade da compañía e da factoría de Balaídos, e son o primeiro paso cara a un “marco estable” de colaboración no futuro.

Ese triángulo de excelencia, sinalou, xa comezou a dar os seus froitos co traballo que está a realizar o centro tecnolóxico en colaboración con PSA Peugeot Citroën, concretado en avanzados proxectos de innovación que Finot e Conde comprobaron in situ. A experiencia do CTAG, e en especial o seu novo Centro de Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, cuxa construción a Xunta apoiou con 10 millóns de euros, “converteron a Galicia na mellor opción para desenvolver novas tecnoloxías do automóbil”, defendeu.

Conde salientou o traballo que nas instalacións viguesas están a realizar os especialistas do CTAG, apoiados por varios laboratorios, un simulador e unha pista de probas que, destacou, pon a Galicia no grupo de vangarda das novas tecnoloxías do vehículo conectado e do vehículo autónomo. Esa é a dirección, resaltou, na que PSA Peugeot Citroën, CTAG o e a Xunta reforzarán aínda máis o seu traballo conxunto.

Subliñou ademais a aposta do Goberno galego polo CTAG e pola colaboración entre o centro e a factoría de Balaídos, como resposta á vontade expresada polo presidente do Goberno galego de atraer a Galicia proxectos de I+D+i de grandes empresas, e á necesidade de potencia a transferencia de coñecemento para crear emprego e riqueza. E neses obxectivos, defendeu, Vigo e PSA son dous socios naturais, que xuntos fan do ecosistema innovador vigués o mellor lugar para desenvolver “os proxectos conxuntos que están por vir”, aínda máis ambiciosos.