O Ministerio de Economía e Competitividade, a Xunta e o Goberno portugués estudan intensificar a colaboración de Galicia e Norte de Portugal no Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía

2014-08-29
  • O INL de Braga foi creado entre España e Portugal no 2009 co obxectivo de actuar como base de cooperación científica e tecnolóxica na nanociencia e a nanotecnoloxía
  • O incremento desta colaboración permitiría unha cooperación activa cos sectores estratéxicos galegos como o sanitario, o alimentario, o automobilístico e o aeronáutico, así como unha maior especialización na captación tecnolóxica para os principais retos da RIS3 (Estratexia de Especialización Intelixente)
  • No encontro tratouse tamén a captación conxunta de fondos europeos do Horizonte 2020 entre o INL e os centros de coñecemento galegos

O Ministerio de Economía y Competitividad, a Xunta de Galicia e o Goberno portugués, mantiveron hoxe unha xuntanza na que se estudou intensificar a colaboración de Galicia e o Norte de Portugal no Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) de Braga, un organismo creado por España e Portugal no ano 2009, cun investimento de preto de 100 millóns de euros, co obxectivo de actuar como base de cooperación científica e tecnolóxica de excelencia no campo da nanociencia e nanotecnoloxía.

Búscase incrementar a cooperación entre España e Portugal a través de novas vías de traballo co INL, un centro único en Europa polas súas instalacións e a súa orientación ao mercado, que nos últimos anos tense consolidado como unha das mellores institucións do continente no desenvolvemento de produtos e procesos baseados na nanotecnoloxía, unha das prioridades da UE.

O encontro, celebrado en Madrid, estivo presidido pola secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela; o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; a Secretaria de Estado de Ciencia de Portugal, Leonor Parreira e o presidente da Comissao de Coordenaçao e Desenvolvemento Regional do Norte e cabeza da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, Emidio Gomes. Á xuntanza asistiron tamén o presidente da Fundaçao para Ciência e a Tecnologia de Portugal, Miguel Seabra; e os reitores das Universidades de Vigo e Minho, Salustiano Mato e António Cunha.

A maior colaboración de Galicia no INL, que xurde do acordo adoptado no último cumio bilateral celebrado no mes de xuño, suporía un novo avance na consolidación da innovación como punto clave da Eurorrexión, e permitiría á comunidade tres vantaxes estratéxicas no ámbito innovador. A primeira responde ao esforzo do Goberno galego en impulsar a transferencia de coñecemento entre o sector público e privado, poñendo en valor as ideas e os proxectos dos investigadores no mercado para que as compañías galegas gañen competitividade e xeren postos de traballo, en sectores estratéxicos para a comunidade como o sanitario, o alimentario, o automobilístico ou o aeronáutico. Nesta liña, intensificar a cooperación co INL suporía a colaboración activa do laboratorio cos distintos sectores económicos galegos, que poderían sacar partido dunha infraestrutura case única no mundo, consolidando un apoio que hoxe se presta dende as universidades, os centros tecnolóxicos e institucións como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA).

Como segunda vantaxe clara deste maior traballo conxunto, está a especialización do INL en proxectos innovadores que respondan aos retos e obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3. Esta estratexia, que guiará todos os investimentos innovadores da comunidade ata 2020 e mobilizará 1.600 millóns de euros durante os próximos sete anos, incide precisamente na potenciación da nanotecnoloxía para abordar os grandes retos que se formulan, entre os que se atopan o envellecemento saudable, o desenvolvemento da fábrica do futuro, a busca de novas tecnoloxías facilitadoras –como novos materiais- ou a innovación en novos procesos e produtos para a industria agroalimentaria galega.

Por último, falouse tamén durante o encontro da oportunidade que esto suporía para a captación conxunta de fondos europeos no marco da estratexia Europa 2020, ampliando aínda máis a capacidade financeira da I+D+i galega nos próximos anos.