A Xunta impulsa a colaboración de empresas e Gradiant nun proxecto que mellorará o comercio electrónico empregando o móbil para recoñecer as emocións a través das expresións faciais

2014-08-22
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, presenta o proxecto TICE, que mobilizará 1 millón de euros e no que participan tres compañías e o Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia
  • A iniciativa enmárcase no programa Conecta Pemes de Economía e Industria, que está a permitir máis de 200 pequenas e medianas empresas galegas participar en proxectos innovadores
  • Varela Rey destaca a aposta da Xunta pola transferencia de resultados ao mercado, simbolizada no traballo de Gradiant en preto dunha trintena de proxectos dos programas colaborativos Conecta Pemes e Innterconecta

O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela Rey, presentou hoxe no Centro Tecnolóxico de Comunicacións de Galicia (Gradiant) o proxecto TICE, unha nova iniciativa innovadora para mellorar o comercio electrónico, empregando, entre outras ferramentas, un sistema que permitirá aos móbiles recoñecer as emocións dos consumidores a través das súas expresións faciais. No proxecto, enmarcado no programa Conecta Pemes de Economía e Industria e que mobiliza preto dun millón de euros, participa o propio Gradiant e as empresas Optare Solutions, Elogia Media e Softgasa Informática.

O proxecto TICE ten como obxectivo principal a mellora da experiencia do cliente no comercio electrónico. Para acadar esa meta, ademais da análise automática da reacción emocional do usuario ante diferentes produtos mediante o estudo das súas expresións faciais, o proxecto investigará a maneira máis eficiente de elaborar perfís dos usuarios mediante información das redes sociais, permitindo ofrecer produtos máis axeitados aos gustos do consumidor concreto. Por último, deseñarase e desenvolverase unha ferramenta de medición da calidade de cada experiencia comercial.

Varela Rey destacou a aposta da Xunta pola colaboración en proxectos de innovación entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades como clave para acadar a transferencia de resultados da innovación galega ao mercado, un obxectivo que destacou como clave para que Galicia gañe competitividade e cree postos de traballo de calidade.

O director de Gain resaltou que esa convicción do Goberno galego está simbolizada no traballo de Gradiant nos dous programas clave co que a Xunta busca impulsar esa innovación aberta que tenda pontes entre os sectores público e privado: os programas Innterconecta e Conecta Pemes. Este último, no que está enmarcado o proxecto TICE, está a permitir a máis de 200 pequenas e medianas empresas galegas participar en proxectos innovadores, mentres que o Innterconecta está a impulsar a participación de 400 compañías neste tipo de iniciativas. Entre ambas están a mobilizar máis de 250 millóns de euros en apoio do talento galego e a competitividade do tecido empresarial da comunidade.

Varela Rey salientou o traballo de Gradiant en ambos programas, o que lle permitiu acceder a un financiamento de máis de 4 millóns de euros apoiando preto dunha trintena de proxectos de innovación en sectores como a educación, a inclusión de persoas con discapacidades, a biotecnoloxía, a minaría, a eficiencia enerxética, as smart cities, os avións non tripulados ou o fogar dixital.