Economía e Industria destaca a compañía biotecnolóxica Innaves como exemplo da innovación aberta que une en Galicia a empresas, centros tecnolóxicos e institucións

2014-08-20
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, visitou as instalacións da compañía de O Porriño, onde desenvolve produtos para as industrias farmacéutica e alimentaria, como péptidos destinados a rebaixar a hipertensión
  • Destaca a participación da empresa nun proxecto Innterconecta para mobilizar 2 millóns de euros investigando unha nova gama de ingredientes e alimentos funcionais para un envellecemento saudable, ademais de tomar parte en dúas iniciativas innovadoras do programa Conecta Pemes

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destacou hoxe, durante unha visita ás instalacións da empresa biotecnolóxica de O Porriño Innaves, que os proxectos innovadores da compañía supoñen un exemplo da innovación aberta impulsada pola Xunta para unir en proxectos de investigación a empresas, centros tecnolóxicos e universidades.

Neste senso, Varela resaltou a participación de Innaves nas dúas principais iniciativas de innovación aberta postas en marcha en Galicia: os programas Conecta Pemes e Innterconecta, que buscan unir ás empresas galegas en proxectos colaborativos de innovación nos que interveñen ademais institucións e centros tecnolóxicos, e que están a mobilizar máis de 250 millóns de euros en proxectos innovadores na comunidade.

“Esta colaboración entre institucións e empresas busca acadar un dos grandes obxectivos da innovación galega: a transferencia de coñecemento ao mercado, multiplicando a nosa competitividade e xerando emprego”, resaltou Manuel Varela.

O director de Gain salientou especialmente a participación de Innaves nun proxecto Innterconecta grazas ao que, xunto a entidades como Innolact, Biscuits Galicia e ao Hospital Povisa, se está a elaborar unha nova gama de ingredientes e alimentos funcionais para un envellecemento saudable, mobilizando máis de 2 millóns de euros en investigación, desenvolvemento e innovación. As iniciativas desenvolvidas pola empresa no marco do Conecta Pemes se centran tamén no mesmo eido, e Varela subliñou que esa aposta por unha alimentación máis saudable e segura, con especial atención ao envellecemento activo, é precisamente un dos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3.

A RIS3 é a folla de ruta da innovación galega ata 2020, e marcará o investimento innovador na comunidade mobilizando 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores durante os próximos sete anos, abrindo así grandes oportunidades para o sector no que está enmarcado Innaves.

Fundada en 1989 como empresa pioneira no sector biotecnolóxico español, Innaves adicouse nun primeiro momento á enxeñería aplicada a pesqueiros e ao estudio do pescado. A evolución da compañía centrou o seu foco de estudio na biotecnoloxía, buscando e illando bacterias lácticas procedentes do medio mariño para o seu uso na industria alimentaria. Hoxe está especializada na tecnoloxía da fermentación, e noutras liñas de investigación como a hidrólisis encimática das caseínas da leite para a obtención de péptidos bioactivos, colaborando estreitamente co CSIC no desenvolvemento de novas técnicas e produtos.