Feijóo reúnese coa Agência Espacial Brasileira e a Agência Nacional de Águas para explorar oportunidades de colaboración para Galicia no sector aeroespacial

2014-07-30
  • Durante o encontro, ao que asistiron ademais o conselleiro de Economía e Industria e representantes da Universidade de Vigo, presentáronse as capacidades de Galicia neste eido
  • O presidente da Xunta destaca a experiencia da universidade olívica neste campo, e o potencial no sector da Zona Franca e dos centros tecnolóxicos galegos
  • O xefe do Executivo salienta a vontade de Galicia de establecer as bases para manter unha relación a longo prazo con Brasil

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuniuse hoxe con representantes da Agência Espacial Brasileira e da Agência Nacional de Águas do mesmo país para explorar as capacidades de Galicia no sector aeroespacial. Durante o encontro analizouse a posibilidade de que a tecnoloxía galega poida resultar de interese para o seu uso en proxectos desenvolvidos pola Agência Nacional de Águas, unha oportunidade que Núñez Feijóo defendeu como un primeiro paso cara a sentar as bases dunha relación a longo prazo con Brasil.

No encontro participaron, ademais do xefe do Executivo galego, o director de Satélites, Aplicacións e Desenvolvemento da Agência Espacial Brasileira, Carlos Alberto Gurgel; o coordinador da xestión estratéxica da Agência Nacional de Águas, Bruno Pagnoccheschi; e o director de tecnoloxía espacial de Visiona, Himilcon de Castro Carvalho, ademais do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e de representantes da Universidade de Vigo.

O presidente defendeu ante os representantes brasileiros a experiencia en proxectos aeroespaciais acadada pola Universidade de Vigo, garantindo o apoio da Xunta a calquera iniciativa neste eido na que a institución olívica poida participar en colaboración con socios brasileiros. Resaltou tamén a proxección no sector aeroespacial da Zona Franca de Vigo, e o traballo dos centros tecnolóxicos galegos que poden desenvolver proxectos nesta área.

Núñez Feijóo avanzou ante os representantes brasileiros que Galicia ten na consolidación dunha industria aeronáutica e aeroespacial unha das súas prioridades industriais, apoiándose sobre a experiencia de institucións como a Universidade e sobre os coñecementos das nosas industrias do metal e a automoción. Un obxectivo que está recollido na Estratexia de Especialización Intelixente da Xunta de Galicia, a RIS3, que é a folla de ruta da innovación galega ata o ano 2020, guiando a mobilización de máis de 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores, nos que, subliñou, terá un especial protagonismo o sector aeroespacial.