Galicia une a empresas, universidades e centros tecnolóxicos para poñerse á vangarda mundial na construción de buques de pesca co proxecto Aralfutur

2014-07-18
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, compara a importancia desta iniciativa do programa Innterconecta coa do primeiro buque conxelador do mundo, un avance co que Galicia acadou o liderado mundial do sector
  • Resalta que o proxecto, que mobilizará 2,2 millóns de euros para desenvolver todo tipo de innovacións, será clave para renovar a flota galega de arrastre de altura, que ten agora unha idade media de máis de 30 anos
  • Subliña as vantaxes competitivas que Aralfutur dará á flota galega, como redes intelixentes que minimicen os descartes ou a posibilidade de que o produto chegue directamente desde o barco ao consumidor
  • Participan na iniciativa a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, seis empresas, as Universidades de Vigo e A Coruña e os centros tecnolóxicos CETMAR e CTAG
  • Salienta o compromiso do Goberno galego co espírito de vangarda de Vigo, unha tradición innovadora que a Xunta ten apoiado desde 2009 mobilizando 160 millóns de euros en proxectos innovadores da comarca

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a unidade entre Xunta, empresas, universidades e centros tecnolóxicos para poñer a Galicia á vangarda na construción de buques de pesca co proxecto Aralfutur. Conde participou hoxe na presentación desta iniciativa do programa Innterconecta, que mobilizará 2,2 millóns de euros para poñer a primeira pedra da nova flota pesqueira de altura de Galicia, a través dun conxunto de innovacións “que permitan á nosa flota ser máis eficiente que os nosos rivais, e polo tanto máis competitivos”.

Conde comparou a importancia desta iniciativa coa do primeiro buque conxelador do mundo, o Lemos, que co que Galicia acadou o liderado mundial do sector nos anos cincuenta. Cunha flota de gran altura con máis de 30 anos de idade media, “Galicia pode e debe aproveitar a súa forza, a súa experiencia e o seu coñecemento para renovar a flota e consolidar o liderado pesqueiro que comezou fai medio século”, dixo o conselleiro. A introdución dos buques conxeladores supuxo o principio dunha nova maneira de entender a pesca, ata entonces limitada pola necesidade dos barcos de volver a porto cada pouco tempo, e Conde salientou que aquela revolución mundial liderada por Galicia “deixou no máis fondo da industria pesqueira galega unha convicción: só a través da innovación se pode construír un futuro competitivo e sostible para unha industria, unha cidade e unha rexión enteira”.

Como resposta a esa convicción, e baixo o paraugas da administración a través do programa Innterconecta, reuníronse para traballar no proxecto Aralfutur a Cooperativa de Armadores de Vigo, centros tecnolóxicos como CTAG ou Cetmar, as universidades de Vigo e A Coruña, e empresas expertas en máquinas (Ibercisa), frío (Kinarca), deseño (Carceller), procesamento de peixe (Optimar), e eficiencia enerxética (Vicus), coordinados pola armadora Chymar.

Aralfutur permitirá optimizar os sistemas de conxelación e procesamento do peixe, mellorar os sistemas hidrodinámicos, reducir a emisión de gases nocivos, garantir a seguridade a bordo, deseñar unhas redes máis selectivas que minimicen os descartes, buscar aparellos máis lixeiros que non necesiten tanta forza de arrastre e conseguir que o produto poida chegar directamente dende o barco ao consumidor, entre outras melloras.

Conde subliñou a importancia de proxectos como este para reforzar o sector galego da pesca, que suma un 1,4% do PIB e o 2,4% do emprego galegos. “Esta iniciativa amosa que cando Galicia coopera para innovar, non hai meta demasiado afastada”, resaltou o conselleiro, que salientou o éxito dos programas Innterconecta e Conecta Pemes, que buscan unir a empresas, centros tecnolóxicos e universidades en proxectos colaborativos. Nos últimos dous anos, ambas iniciativas mobilizaron máis de 250 millóns de euros en proxectos innovadores por toda Galicia.

“E dentro de Galicia, é necesario chamar a atención sobre o especial espírito de vangarda de Vigo”, apuntou o conselleiro, unha tradición innovadora que a Xunta ten apoiado desde 2009 mobilizando preto de 160 millóns de euros en proxectos innovadores da comarca viguesa.