Conde destaca a compañía coruñesa Health in Code como exemplo de emprendemento innovador e potenciación do talento galego

2014-07-14
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta que esta spin off, líder na diagnose e consello xenético en enfermidades cardiovasculares, é un modelo de transferencia de resultados da innovación ao mercado
  • O apoio da Consellería, por máis de 2 millóns de euros, tenlle permitido a Health in Code investir en tecnoloxía, reforzar a cooperación con outras empresas e centros de coñecemento e avanzar na súa internacionalización
  • Destaca a participación da compañía no Innterconecta, que xunto co Conecta Pemes está a mobilizar máis de 250 millóns de euros en proxectos de innovación en Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a compañía coruñesa Health in Code, líder na diagnose e consello xenético en enfermidades cardiovasculares, como exemplo de emprendemento innovador, transferencia de resultados da innovación ao mercado e potenciación do talento galego, con máis de vinte empregados de alta cualificación.

O conselleiro, que visitou a empresa acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, sinalou que Health in Code é un modelo da colaboración público-privada no apoio ao emprendemento e a innovación, atraendo o compromiso tanto de institucións públicas como de capital privado.

A Consellería está a acompañar a Health in Code tanto a través da Axencia Galega de Innovación como do Igape e dos fondos de capital risco de Xesgalicia, con apoios por máis de 2 millóns de euros. Isto tenlle permitido á compañía seguir investindo en tecnoloxía e mellorando os seus procesos; avanzar na súa internacionalización, o que permitirá que pronto máis da metade do seu negocio veña de fóra, e reforzar a súa cooperación con outras empresas e centros de coñecemento.

Neste eido, o conselleiro de Economía e Industria destacou que esta spin off da Universidade da Coruña está a participar no programa Innterconecta, que xunto co Conecta Pemes está a mobilizar máis de 250 millóns de euros en proxectos innovadores de colaboración en Galicia, cun importante papel da provincia da Coruña.

O conselleiro de Economía e Industria sinalou que o esforzo desta compañía por continuar innovando e conseguindo novos clientes no exterior é un exemplo do camiño que hai que seguir para que a economía galega gañe en competitividade e para fixar tecido industrial en Galicia.