Conde destaca que o sector conserveiro está a desenvolver 13 proxectos innovadores no marco dos programas Innterconecta e Conecta Pemes mobilizando máis de 22 millóns de euros

2014-07-11
  • O conselleiro de Economía e Industria, que participou no Foro de Emprendemento de Anfaco-Cecopesca, defende o pulo emprendedor e innovador da industria conserveira galega como clave para a súa expansión internacional
  • Resalta a supresión de licencias municipais da Lei do Emprendemento e o programa Galicia 1000, que mobilizará 200 millóns con iniciativas como os novos préstamos Jeremie, como referentes na aposta galega polos emprendedores e empresarios da cadea mar-industria
  • Salienta que o Igape apoiou a un cento de proxectos de internacionalización promovidos por empresas conserveiras nos últimos 5 anos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o sector conserveiro galego está a desenvolver 13 proxectos innovadores no marco dos programas públicos Innterconecta e Conecta Pemes, mobilizando máis de 22 millóns de euros en iniciativas clave para a competitividade futura do sector. Conde, que participou no Foro de Emprendemento de Anfaco-Cecopesca, resaltou que con ambos programas de axudas o Goberno galego buscan dar a oportunidade de innovar a moitas pemes que non teñen o tamaño necesario para abordar por si mesmas proxectos innovadores, á vez que se potencian instrumentos esenciais para a innovación como os centros tecnolóxicos, entre os que se atopa o da propia Anfaco.

Salientou ademais que, no eido innovador, “a verdadeira oportunidade de dar un paso de xigante na competitividade da conserva galega chega coa Estratexia de Especialización Intelixente”, ou RIS3, que mobilizará 1.600 millóns de euros ata 2020. Varios dos retos da estratexia –que guiará a distribución deses fondos- teñen como foco a alimentación e os sectores tractores da industria como a conserva, polo que este sector será un eixo clave de investimento ata 2020.

Conde, ademais do pulo innovador, defendeu o afán emprendedor da industria conserveira, como claves para a súa expansión internacional, que a converteu na primeira de Europa e na segunda do mundo.

En apoio dese esforzo emprendedor, resaltou, a Xunta busca garantir un marco regulatorio seguro, áxil e favorable, derrubando todas as barreiras burocráticas posibles, ademais de facilitar no posible o acceso ao financiamento. A primeira desas conviccións foi a que, sinalou Conde, levou ao Goberno galego a impulsar a Lei do Emprendemento, que sitúa a Galicia como unha das comunidades con máis facilidades para por en marcha un novo negocio grazas a medidas como a eliminación con carácter xeral das licencias municipais de actividade.

Ademais de esas medidas regulatorias, Conde destacou apoios financeiros como o programa Galicia 1000, que busca mobilizar 200 millóns de euros para desenvolver 1.000 iniciativas empresariais, apoiando a empresas e emprendedores na execución dos seus proxectos a través de fondos de capital risco, préstamos, bonificacións de tipos de xuro e avais.

Préstamos Jeremie

O Galicia 1000, resaltou o conselleiro, inclúe fitos como os novos préstamos Jeremie, unha iniciativa pioneira do Igape que a través de 8 millóns de euros de fondos europeos Feder, ampliables se é necesario, impulsará a competitividade das pemes mobilizando 15 millóns. Economía e Industria busca así unha eficiente utilización dos fondos europeos que consolide a capacidade financeira das pemes galegas, cun retorno continuo ao tecido empresarial.

Unha vez unidos emprendemento e innovación, apuntou o conselleiro, o seguinte paso é a saída aos mercados exteriores. “O sector conserveiro sabe mellor que ninguén cómo levar a Galicia, á marca Galicia Calidade, polo mundo adiante: o 40% da súa produción ten como destino o mercado internacional, comercializando os seus produtos en máis de 100 países dos 5 continentes”, subliñou.

O Goberno galego, indicou, está a respaldar ese esforzo a través de programas como o Primex de apoio á primeira exportación, no que están en marcha dúas iniciativas con presenza do sector conserveiro; o servizo SALT, que apoia ás empresas e asociacións nas licitacións internacionais; e a través de máis dun cento de proxectos de internacionalización promovidos por empresas conserveiras e aprobados polo Igape nos últimos anos, apoiando a presenza do sector en feiras internacionais, a planificación exterior, a comunicación e marca ou a contratación de xestores de internacionalización.