Conde destaca que o apoio da Xunta a 15 proxectos biotecnolóxicos innovadores a través dos programas Innterconecta e Conecta Pemes amosa o potencial do sector en Galicia

2014-07-10
  • O conselleiro de Economía e Industria participou no V Bio Investor Day, unha lonxa de financiamento impulsada por Bioga e o Goberno galego, que pon en contacto a emprendedores e fondos de capital risco
  • Subliña que a biotecnoloxía será un dos sectores clave da Estratexia de Especialización Intelixente, que mobilizará 1.600 millóns que servirán para investigar novos biomateriais de orixe mariño, alimentos de alto valor engadido, medicamentos e cosméticos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o apoio da Xunta a 15 proxectos biotecnolóxicos innovadores nos últimos dous anos a través dos programas Innterconecta e Conecta Pemes, que están a mobilizar 260 millóns de euros en toda Galicia, “amosa o potencial do sector” na comunidade. Conde participou no V Bio Investor Day, unha lonxa de financiamento impulsada por Bioga e pola Xunta no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) que pon en contacto a emprendedores que teñan proxectos innovadores de primeiro nivel con fondos de capital risco, tanto públicos como privados e tanto nacionais como estranxeiros.

Nesta edición, 8 empresas foron elixidas para participar no encontro (ao que asistiron outros tantos fondos) con proxectos que poñen o foco no ámbito da saúde, o veterinario e o da bioloxía mariña. “A conexión entre ideas e emprendemento é a clave non só para o crecemento de Galicia, senón para un verdadeiro cambio na nosa cultura, na nosa visión do mundo. E esa conexión só e posible cunha ponte: o risco. O verdadeiramente arriscado e non arriscar”, dixo Conde.

Resaltou ademais o apoio do Goberno galego á lonxa de financiamento non só a través do propio impulso á xornada, senón coa participación do fondo XesGalicia, poñendo á disposición das empresas liñas de risco en forma de pre?stamos participativos e capital semente. O respaldo financiero ao sector se completa con iniciativas como a dos contratos-programa asinados con centros tecnolóxicos e de investigación (como as fundacións sanitarias).

Conde resaltou o compromiso da Xunta co sector biotecnolóxico galego, con apoios de 10 millóns de euros nos últimos 4 anos, e destacou unha aposta sen precedentes polo sector coa nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que mobilizará 1.600M€ ata 2020 en proxectos innovadores. “A biotecnoloxía terá aquí un papel moi destacado, esencial no desenvolvemento de sectores estratéxicos para Galicia coma o agroalimentario e a saúde”, resaltou o conselleiro.

A través dos fondos da RIS3, avanzou, Galicia potenciará a biotecnoloxía como ferramenta de apoio ao desenvolvemento de produtos e servizos biotecnolóxicos que produzan alimentos de alto valor engadido. Aplicará ademais a biotecnoloxía á cadea monte-industria; desenvolverá produtos biotecnolóxicos para a medicina e a cosmética; e creará novos biomateriais de orixe mariño, aproveitando os residuos pesqueiros.

“Apostaremos pola biotecnoloxía como nunca antes se fixera en Galicia, e o faremos cun apoio financeiro de primeiro orde para poñer a innovación ao servizo do futuro desta terra”, concluíu.