Conde destaca a oportunidade que a Estratexia de Especialización Intelixente suporá para que Clusaga consolide a innovación alimentaria galega á cabeza de Europa

2014-06-30
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta que será un dos sectores clave na asignación dos 1.600 millóns de euros que a Estratexia RIS3 mobilizará ata 2020 en proxectos innovadores
  • Resalta que impulso do Goberno galego á innovación do sector ten permitido xa a 170 empresas da alimentación participar nos programas Innterconecta e Conecta Peme, en iniciativas que mobilizan 60 millóns
  • Defende a necesidade de combinar a forza da cooperación dos clústers co éxito de programas como o Primex para reforzar a internacionalización das empresas e integrar a Galicia nas cadeas de valor global
  • Apunta como obxectivo clave da colaoración entre a Xunta e Clusaga a fixación do tecido industrial ao territorio galego
  • Subliña o renovado impulso a Galicia Calidade en todo o mundo para reforzar a imaxe da industria agroalimentaria de Galicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a oportunidade que a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) suporá para que o Clúster da Alimentación de Galicia (Clusaga) consolide a innovación alimentaria galega á cabeza de Europa. Durante a asemblea anual do clúster, resaltou que a innovación supón hoxe o 6% de todo o gasto da industria agroalimentaria (moi por riba que a maioría do tecido empresarial) pero que o feito de que sexa un dos sectores clave na asignación dos 1.600 millóns de euros que a Estratexia mobilizará ata 2020, permitirá incrementar considerablemente esa cifra.

Conde salientou ademais a contribución que o Goberno galego fai hoxe a ese liderado, xa sexa a través do apoio aos centros tecnolóxicos, do programa de apoios directos ás infraestruturas e formación dos propios clústers, ou dos proxectos innovadores dos programas Innterconecta e Conecta Peme, nos que están a participar 170 empresas do sector da alimentación en proxectos que mobilizan 60 millóns de euros.Incidiu ademais nas posibilidades que se abren para as empresas galegas, e para Clusaga, co programa europeo Horizonte 2020, que financiará con 78.000 millóns a proxectos innovadores empresariais en toda Europa, como os que esta entidade leva a cabo.

Ese pulo á innovación é clave para que Galicia continúe a producir produtos diferenciados que lle dean unha vantaxe competitiva fronte aos seus rivais. Ese, dixo Conde, debe ser un dos grandes obxectivos do traballo conxunto de Clusaga e o Goberno galego, xunto co traballo para conseguir a excelencia no ámbito da calidade, o salto a outros mercados e a fixación do tecido industrial en Galicia.

No eido da calidade, Conde defendeu a necesidade de consolidar para Galicia unha reputación permanente identificada coa calidade en todo mundo, un traballo a longo prazo do que Galicia ten moito labor feito “grazas ao camiño conxunto que, baixo o paraugas de Galicia Calidade, temos percorrido desde finais dos anos noventa”.

Hoxe, a marca Galicia Calidade revaloriza os produtos galegos nos mercados nacionais e internacionais, e Conde sinalou que o Goberno galego quere levar esa vantaxe máis alá. “Estamos a traballar nun novo plan estratéxico que impulsará a potencialidade da marca, para que, máis alá da certificación dos produtos, de Bruxelas a México DF, falar de Galicia sexa falar de calidade e, á inversa, falar de calidade supoña pensar inmediatamente en Galicia”, apuntou.

Este compromiso coa calidade, defendeu, repercute directamente na competitividade e, así, no incremento das exportacións no sector agroalimentario que, con 4.000 millóns de euros, supoñen o 13% do total de Galicia. Ese crecemento responde a unha das principais estratexias de Galicia para crecer no exterior: a cooperación entre empresas, e entre elas a administración.

Símbolo desa cooperación para saír ao exterior é o programa Prímex de apoio á primeira exportación, que precisamente está a permitir a Clusaga levar a cabo dous proxectos en China e Estados Unidos nos que, ademais do propio clúster, participan oito empresas.

E no eido da fixación do tecido industrial, Conde subliñou que Galicia debe ter como obxectivo a integración nos clústers de toda a cadea de valor dun mesmo produto, unha tarefa para a que reclamou “aglutinar esforzos en torno a un nome e unha estratexia. Se Galicia quere ser forte ten que traballar unida, non dividir recursos e focalizar todos os esforzos deste sector nun só clúster”.

O traballo conxunto de Clusaga e Goberno galego, dixo, impulsa a un dos grandes motores da economía galega, que suma o 10% do emprego total da comunidade.