Feijóo destaca a mobilización de 7,6 millóns de euros en 45 proxectos para incrementar as capacidades innovadoras, investigadoras e tecnolóxicas das empresas galegas

2014-06-20
  • Precisa que son un total de 42 empresas galegas as que participan, das que o 70% son pemes dos sectores da automoción, bens de equipamento e maquinaria, farmacéutico, alimentario, enérxico, madeireiro, medioambiental, sanitario e das TIC
  • Explica que se trata dunhas axudas que ascenden ata o 30% do total do orzamento do proxecto no caso das grandes empresas, que sube ata o 40% no caso das medianas, e que pode chegar ata a metade do orzamento no caso das pequenas
  • Destaca o esforzo orzamentario que está a realizar a Xunta, xa que este ano este programa se incrementa nun millón de euros

No obxectivo de promover a innovación no tecido empresarial galego como unha das claves para a súa mellora competitiva, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a resolución dunha nova edición do programa de investimentos innovadores. Deste xeito, precisou que a actuación destina máis de 3 millóns de euros ao desenvolvemento de 45 proxectos que supoñen a mobilización de 7,6 millóns para incrementar as capacidades innovadoras, investigadoras e tecnolóxicas das nosas empresas.

Na rolda prensa do Consello, Feijóo precisou que son un total de 42 empresas galegas as que participan nesta convocatoria, das que o 70% son pemes. E, subliñou que a maioría das iniciativas apoiadas encádranse en sectores como a automoción, bens de equipamento e maquinaria, farmacéutico, alimentario, enérxico, madeireiro, medioambiental, sanitario e das TIC, permitindo financiar, entre outros aspectos, a adquisición de equipamentos tecnolóxicos para os centros produtivos coa finalidade de desenvolver produtos e servizos novidosos.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que se trata dunhas axudas que ascenden ata o 30% do total do orzamento do proxecto no caso das grandes empresas, que sube ata o 40% no caso das medianas, e que pode chegar ata a metade do orzamento no caso das pequenas.

O responsable autonómico fixo fincapé no esforzo orzamentario que se ten redobrado este ano, xa que nesta convocatoria este programa se incrementa nun millón de euros “porque está a obter unha demanda importante no sector económico e industrial galego”, concluíu.