Feijóo refírese á innovación como unha “infraestrutura clave” para o crecemento e salienta o traballo dos centros tecnolóxicos para a competitividade das empresas nos ámbitos como a construción naval, a automoción, o sector eólico e o aeronáutico

2014-06-18
  • Subliña que nos últimos cinco anos a Xunta leva investido 120 millóns de euros para impulsar o labor dos centros de coñecemento galegos co obxectivo de “xerar sinerxías entre o traballo que desenvolven e o tecido empresarial de Galicia”
  • Recoñece que tanto o Executivo autonómico como o Goberno de España comparten a súa vontade por facer da I+D+i un verdadeiro “motor de aceleración” cara ao crecemento, e por acompañar á industria na carreira da innovación
  • Destaca os máis de 620 proxectos de I+D+i desenvolvidos por Aimen en colaboración con empresas, e resalta que co novo Centro de Aplicacións Láser, que contou cun investimento conxunto de case 11 millóns de euros, Aimen amplía aínda máis a súa capacidade

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á innovación como “unha infraestrutura clave para o crecemento do futuro” e destacou a importancia do traballo dos centros tecnolóxicos para a competitividade das empresas nos ámbitos como a construción naval, a automoción, o sector eólico e o aeronáutico.

Nesta liña, e durante a visita ao novo Centro de Aplicacións Láser de Aimen, na que estivo acompañado pola secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela Olmo, o mandatario galego remarcou a aposta que está a facer o Goberno autonómico polos centros tecnolóxicos galegos para “xerar sinerxías entre o traballo que desenvolven e o tecido empresarial de Galicia”, e apuntou que nos últimos cinco anos a Xunta leva investido 120 millóns de euros para impulsar o labor dos centros de coñecemento da comunidade.

“A innovación é unha infraestrutura clave para o crecemento”, incidiu, logo de lembrar que “en plena crise económica, e durante cinco anos continuados tivemos a ocasión de poder ampliar case todos os centros tecnolóxicos de Galicia: hai unhas semanas ampliabamos o centro tecnolóxico da automoción; hoxe, un centro novo de Aimen e, nas próximas semanas, empezarase unha obra de ampliación do centro Anfaco-Cecopesca. Temos que ir buscando unha vez máis esa soldadura entre empresas, centros tecnolóxicos e universidades. Ese é o modelo que triunfou nos primeiros países do mundo e ese é o modelo que nos permite presentarnos como unha rexión que sabe, no ámbito de Europa, o que quere facer”, afirmou.

Así mesmo, referiuse, tamén, á nova liña de incentivos aprobada polo Executivo galego que busca a implicación do sector privado co traballo que desenvolven estes organismos de investigación. O obxectivo, precisou, é crear centros de innovación mixtos, contando cun investimento público-privado de 30 millóns de euros e co fin de facilitar que as grandes empresas invistan en innovación galega.

Feijóo asegurou que o Executivo autonómico asume a innovación como un modelo de cooperación en rede que atende a tres eixes interconectados que son: o talento dos investigadores galegos, a transferencia de coñecemento desde os centros tecnolóxicos ao tecido empresarial, e o uso eficiente dos recursos públicos para poder captar fondos europeos e mobilizar capital privado que apoie os nosos proxectos. “Concibimos a innovación como un vector clave para o crecemento que require dun esforzo en planificación, en recursos humanos e en recursos materiais”, puntualizou.

Nesta liña, destacou medidas como a Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, que establece as áreas prioritarias da I+D+i en Galicia ás que se destinarán nestes vindeiros sete anos 1.600 millóns de euros; un documento que conta co aval da UE, e que garante, polo tanto, a dotación suficiente de fondos estruturais para a comunidade no período 2014-2020.

Acompañar a industria na carreira da innovación

Durante a súa intervención, Feijóo recoñeceu que tanto a Xunta como o Goberno de España comparten a súa vontade por facer da I+D+i un verdadeiro “motor de aceleración” cara ao crecemento, e por acompañar á industria na carreira da innovación. Nese compromiso conxunto, salientou que Galicia demostrou que é “unha aliada” porque se ten posicionado como unha comunidade que traballa decididamente pola innovación, que inviste de xeito prioritario os seus recursos para levar a I+D+i aos seus sectores máis estratéxicos, e cunha acreditada solvencia que lle ten servido como aval para captar maior financiamento co que desenvolver proxectos innovadores neste eido.

Recoñeceu, así, que este esforzo sostido está a situar Galicia actualmente “á cabeza de España en innovación”.

Logo de destacar os máis de 620 proxectos de I+D+i desenvolvidos por Aimen en colaboración con empresas, o presidente da Xunta subliñou que co novo Centro de Aplicacións Láser, que contou cun investimento conxunto de case 11 millóns de euros, Aimen amplía aínda máis a súa capacidade e dótase dunha infraestrutura tecnolóxica máis especializada no campo do procesado láser de materiais metálicos e téxtiles, plásticos, caucho, cerámica ou vidro.