Conde salienta a innovación como clave para a competitividade e a creación de emprego da industria de compoñentes Borgwarner

2014-06-18
  • O conselleiro de Economía e Industria e a secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Investigación, Carmen Vela, visitan a planta da multinacional en O Porriño
  • A empresa lidera un proxecto Innterconecta no que participan 4 compañías galegas, o CTAG, Aimen e a Universidade de Vigo, e que mobilizará 1,8 millóns nun proxecto que potenciará a eficiencia enerxética e o respecto medioambiental dos automóbiles
  • Subliña como aposta de futuro o plan da Xunta para establecer centros mixtos de innovación en Galicia, atraendo instalacións de I+D+i grazas a unha mobilización de 30 millóns de euros

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e a secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela, subliñaron hoxe o respaldo de Xunta e Goberno á labor innovadora de empresas como a industria de compoñentes BorgWarner, que lidera un proxecto Innterconecta que permitirá á compañía gañar competitividade e impulsar o seu compromiso co medio ambiente.

O labor de BorgWarner, dixo Conde, é exemplo da competitividade da industria de compoñentes da automoción, unha das grandes creadoras de emprego de Galicia, así como do compromiso da industria galega co medio ambiente, poñendo a tecnoloxía ao servizo da eficiencia no consumo enerxético e a redución das emisións de CO2, e dunha permanente aposta pola innovación.

Carmen Vela, mentres, resaltou o papel de “empresas tractoras de innovación” como BorgWarner, claves para acadar os obxectivos de España en I+D+i, que pasan por un fortalecemento do papel das empresas nos proxectos de innovación.

En concreto, BorgWarner lidera un Innterconecta no que participan catro empresas galegas, o CTAG, Aimen e a Universidade de Vigo, formando unha rede de innovación aberta que permite a transferenza de coñecemento do sector público ao privado. A iniciativa, que consta cun investimento global de 1,8 millóns de euros, permitirá desenvolver novos sistemas de exhaustación que reducirán o consumo de combustible e as emisións dos coches.

Conde e Vela resaltaron que programas como o Innterconecta, que en Galicia está a permitir a mobilización de 210 millóns de euros en proxectos innovadores, son claves no respaldo público ás iniciativas privadas de I+D+i, en especial no eido das pemes. A ese apoio se lle suman actuacións como a Estratexia Estatal de Innovación, que lle está a permitir a Galicia a posta en marcha de contratos programa para reter e atraer ao mellor talento aos centros de coñecemento da comunidade.

Esa aposta pola colaboración público-privada para innovar, destacou Conde, continuará con máis forza no futuro próximo en primeiro lugar co programa da Xunta para establecer centros mixtos de innovación en Galicia, que permitirá atraer novos centros de I+D+i á comunidade mediante a colaboración entre os centros de coñecemento e as empresas nun programa que mobilizará máis de 30 millóns en investimentos.

E, especialmente, coa Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3, que mobilizará 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020, e que terá entre as súas prioridades o investimento no sector de compoñentes automobilísticos.