Biospain 2014 contribuirá a consolidar os activos de Galicia no ámbito da innovación sanitaria e da investigación biomédica

2014-06-17
  • Así o manifestou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, no acto de presentación deste Encontro Internacional de Biotecnoloxía, que contou, tamén, coa presenza, entre outras autoridades, dos conselleiros de Economía e Industria; Francisco Conde; de Traballo e Benestar; Beatriz Mato; e de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, presidiu hoxe o acto de presentación do 7º Encontro Internacional de Biotecnoloxía Biospain 2014, que terá lugar en Compostela entre os días 24 e 26 de setembro. A titular da carteira sanitaria do Executivo galego amosouse convencida de que esta aposta que fai a Xunta coa organización de Biospain contribuirá a consolidar os activos de Galicia no ámbito da investigación biomédica e da innovación sanitaria.

Rocío Mosquera destacou que a opción galega que resultou gañadora para ser sede de Biospain é unha candidatura de país, posto que está avalada pola Xunta, coordinada pola Consellería de Sanidade, e na mesma participan tamén as Consellerías de Economía e Industria; de Medio Rural e do Mar; de Traballo e Benestar; así como a Axencia galega de Turismo, o concello de Santiago e as universidades de Santiago e Vigo.

No acto de hoxe, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, estiveron presentes, así mesmo, Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria; Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar; Rosa Quintana, conselleira de Medio Rural e do Mar; Ángel Currás, alcalde de Santiago; Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Isabel Rodríguez, vicerreitora de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago; Regina Revilla, presidenta de Asebio (Asociación Española de Bioempresas), que é o organismo que organiza este evento; e Carmen Pita, directora de Turgalicia.

Apoio aos sectores innovadores

Tal e como remarcou Rocío Mosquera, Biospain contribuirá a incrementar a internacionalización e a visibilidade das empresas galegas que traballan nos distintos sectores relacionados coa biotecnoloxía, e das que dixo ter constancia que estarán ben representadas nesta xuntanza.

Destacou, así mesmo, que Galicia conta con tres institutos de investigación sanitaria con máis de 100 grupos de investigación, nos que traballan máis de 1.000 investigadores. Subliñou, igualmente, como fortalezas de Galicia neste eido, os dous campus de excelencia internacional da nosa Comunidade Autónoma, o Campus Vida, liderado pola Universidade de Santiago, e o Campus do Mar, encabezado pola Universidade de Vigo, ámbolos dous centrados ao redor de temáticas moi relacionadas coa biotecnoloxía.

En consecuencia, para a conselleira, esta aposta de Galicia por Biospain non é unha iniciativa illada senón que se enmarca nunha estratexia global de apoio aos sectores económicos máis innovadores e así o reflicte o feito de que un dos tres retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, RIS3, deseñada dende a Axencia Galega de Innovación coa participación de todos os actores do sistema produtivo e de I+D+i de Galicia, se centre no desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas para un modelo de vida saudable.

Pola súa banda, a presidenta de Asebio, Regina Revilla destacou que é a primeira vez na historia de Biospain “que se presenta unha candidatura de país cunha implicación tan importante como a que contamos para esta nova edición do evento. Realmente responde ao que buscamos para Biospain, crear un ecosistema de innovación en aberto. Esta cidade vai ser escenario dun Biospain renovado, transformador, revelador da realidade das novas empresas e as nosas entidades que xa ocupan un posto destacado na economía do noso país, xa que segundo os últimos datos de que dispoñemos, a súa cifra de negocios global supera os 7,5 puntos porcentuais do PIB”.

“Ao modelo de open innovation sumamos un escenario máis aberto cara outros públicos e outras entidades afíns, que se encargarán de facer as súas propias xornadas, como é o caso das 10 sociedades científicas ás que invitouse a participar ou do foro de medicina personalizada. Ademais, celebrarase un foro con grupos de interese como pacientes, asociacións de consumidores, estudantes, etc, que poderán achegarse ás últimas novidades do sector”, sinalou Regina Revilla.

Sinalar, por último, que Biospain, a plataforma de presentación da biotecnoloxía española a nivel internacional, ten lugar cada dous anos. A última edición desta feira tivo lugar en Bilbao e contou con 1.356 inscritos en liña, 1.847 visitantes totais, dos que o 21% foron estranxeiros, e máis de 762 empresas participantes no partnering, sendo unha das feiras máis importantes no ámbito internacional do sector ciencias da vida e converténdose no encontro biotecnolóxico máis importante do sector sur de Europa por número de reunións e de empresas.