Feijóo subliña que a Xunta activará novas liñas de apoio para reforzar a excelencia da investigación científico-tecnolóxica en Galicia e convertela en aliada do tecido industrial

2014-06-16
  • Recoñece que Galicia conta cunha comunidade científica “ben formada e cun alto grao de excelencia en campos de coñecemento estratéxicos para a economía galega”, e destaca que na trasferencia de resultados entre os centros de investigación e as empresas radica unha parte vital para a competitividade da nosa industria por ser “dous polos que se complementan”
  • Salienta a posta en marcha de medidas como a nova liña de apoio para atraer capital privado co que crear centros de innovación mixtos que mobiliza 30 M€; para axudar ao traballo e á mobilidade dos investigadores, ou para impulsar a actividade innovadora dos cinco principais centros tecnolóxicos de Galicia
  • Resalta o éxito de convocatoria de programas para promover a innovación no tecido empresarial, como o Innterconecta II, que mobilizou nesta segunda convocatoria 150 M€, máis do dobre que na anterior; ou o Conecta Pemes, que empezou este ano a súa segunda edición destinando preto de 15 M€
  • Destaca o traballo pioneiro desenvolvido por Luis Iglesias porque o seu estudo sobre as pragas dos cultivos levouno a colaborar activamente cunha empresa tan importante como Zeltia nun momento en que “as pontes entre os laboratorios das universidades e o tecido empresarial eran anecdóticas e froito de vontades persoais”
  • Asegura que “foi un precursor na súa época, un estudoso da natureza que se adiantou ao seu tempo e que puxo a investigación científica ao servizo do sector primario galego, concretamente, da agricultura”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta activará novas liñas de apoio para reforzar a excelencia da investigación científico-tecnolóxica en Galicia e convertela en aliada do tecido industrial. Así o avanzou esta tarde no acto conmemorativo do Día do Científico Galego, que este ano está dedicado ao entomólogo vigués Luis Iglesias.

O mandatario galego recoñeceu que Galicia conta cunha comunidade científica “ben formada e cun alto grao de excelencia en campos de coñecemento estratéxicos para a economía galega”, por iso remarcou que a Xunta quere facer unha aposta polo talento e polos investigadores máis brillantes. Unha aposta que, segundo dixo, será determinante á hora de competir nas distintas convocatorias do programa marco de investigación e innovación da UE para o período 2014.2020, o ‘Horizonte 2020’; e que será fundamental, abundou, para desenvolver con éxito os retos e prioridades establecidos na Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3.

Centros de investigación e empresas, dous polos que se complementan

Feijóo manifestou que na trasferencia de resultados entre os centros de investigación e as empresas radica unha parte vital para a competitividade da nosa industria. Son, dixo, “dous polos que se complementan”, e esa é a liña de traballo que o Goberno galego quere seguir a intensificar, engadiu. Neste sentido, recoñeceu o importante papel que desempeñan as administracións para activar recursos cos que xerar un contorno de apoio á investigación, e salientou, tamén, a necesidade de involucrar a iniciativa privada neste obxectivo.

Ao respecto, o titular da Xunta lembrou medidas postas en marcha polo Goberno galego encamiñadas nesta dirección, como a nova liña de apoio para atraer capital privado co que crear centros de innovación mixtos entre empresas e organismos de investigación que mobiliza 30 millóns de euros. Tamén mencionou que só en 2013 a Xunta investiu preto de 2 millóns de euros para apoiar o traballo e a mobilidade de científicos e tecnológos galegos, ou que se destinou unha partida de case 2 millóns de euros a impulsar a actividade innovadora dos cinco principais centros tecnolóxicos de Galicia mediante contratos-programa, unha contía que é parte dos 12 millóns de euros que o Goberno galego está a destinar neste eido.

E, ademais, referiuse ao éxito de convocatoria de programas para promover a innovación no tecido empresarial, como o Innterconecta II, que mobilizou nesta segunda convocatoria máis do dobre que na anterior, 150 millóns de euros; ou o Conecta Pemes, que empezou este ano a súa segunda edición destinando preto de 15 millóns de euros.

Un científico pioneiro

Sobre Luis Iglesias, o científico homenaxeado este ano, asegurou que o seu traballo foi pioneiro tamén neste sentido porque o seu estudo sobre as pragas dos cultivos levouno a colaborar activamente cunha empresa tan importante como Zeltia nun momento en que “as pontes entre os laboratorios das universidades e o tecido empresarial eran anecdóticas e froito de vontades persoais”.

Engadiu que “foi un precursor na súa época, un estudoso da natureza que se adiantou ao seu tempo e que puxo a investigación científica ao servizo do sector primario galego, concretamente, da agricultura”, e apuntou que os seus achados en entomoloxía e o seu coñecemento da parasitoloxía foron determinantes para erradicar moitas das enfermidades que afectaban os terreos de cultivo e a produtividade do agro galego.

Luis Iglesias, agregou, “abriu desde Galicia novas portas á ciencia aplicada e envorcou a súa vocación naturalista en enriquecer e dar a coñecer un dos maiores valores que atesoura a nosa terra: a paisaxe”, por iso, lembrou que o Museo de Historia Natural de Galicia, que en pouco tempo estreará nova sede, leva o seu nome.

Segundo salientou, a súa figura encarna as virtudes da investigación científica como unha actividade que non pon barreiras nin metas ao coñecemento e que se abre ao servizo da sociedade”. E, na súa faceta como docente, “evidencia que a ciencia ten tamén un último propósito que é o de deixar pegada mas vindeiras xeracións de alumnos para que, como futuros investigadores recollan o testemuño e sexan continuadores dun legado que acrecentar e difundir”, concluíu.