Conde destaca que a viaxe a Xapón permitiu abrir importantes oportunidades para a economía e o turismo de Galicia

2014-06-11
  • O Conselleiro de Economía e Industria sinala que “nestas reunións detectamos unha verdadeira oportunidade tanto para colaborar no eido da investigación e innovación, como para incrementar as exportacións da industria galega de compoñentes”
  • Salienta as posibilidades abertas á industria de compoñentes tras os contactos con Nissan, e o interese da maior empresa de telecomunicacións do mundo polo programa da Xunta para impulsar centros mixtos de innovación
  • Subliña a importancia de estreitar relacións con países como Xapón para impulsar as exportacións galegas, que bateron o seu récord histórico en 2013

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento o potencial que a recente viaxe a Xapón, e o encontro entre o Presidente da Xunta e o Príncipe Naruhito, abren para a economía e o turismo de Galicia, grazas aos resultados concretos acadados pola delegación do Executivo con xigantes empresariais da terceira economía do mundo, e aos acordos institucionais co país nipón para promover conxuntamente o Camiño Kumano e o Camiño de Santiago.

No eido económico, Conde salientou os avances acadados por Galicia nos sectores agroalimentario, automobilístico e tecnolóxico, ademais de no ámbito da acuicultura. En concreto, o conselleiro destacou a importancia dos acordos acadados con dous xigantes da distribución agroalimentaria xaponesa, AEON e de ISETAN, uns distribuidores que suman preto de 400.000 empregados, máis de 16.000 tendas por toda Asia, e unha facturación de máis de 50.000 millóns de euros.

Conde indicou que o Goberno galego concretou visitas a Galicia de ambas compañías, para identificar novas oportunidades para os produtos alimentarios galegos en Xapón. Algún dos produtos que máis interese espertaron nas entidades xaponesas para vender no seu país son o viño, as conservas, a castaña e os produtos cárnicos.

Outro dos sectores nos que máis se incidiu na visita a Xapón foi o da automoción. Conde explicou que a delegación galega reuniuse neste eido co Japan Automobile Research Institute (JARI), o centro tecnolóxico máis importante do país; coa Japan Automobile Manufacters Association (JAMA), a asociación de construtores que aglutina aos máis importantes construtores do país; e, en especial, cos representantes da empresa Nissan.

“Nestas reunións detectamos unha verdadeira oportunidade tanto para colaborar no eido da investigación e innovación, como para incrementar as exportacións da industria galega de compoñentes”, sinalou.

No eido tecnolóxico, destacou o encontro mantido cos directivos de NTT Data, unha empresa que xa ten presenza en Galicia (a través de Everys) e na que espertou especial interese a liña de apoios dos centros mixtos de innovación aprobada o pasado xoves polo Consello da Xunta.

O conselleiro resaltou ademais os resultados no eido da acuicultura. Xapón é unha das grandes potencias mundiais neste eido e, grazas á visita ó laboratorio de Pesca da Universidade de Kinki, unha comitiva desta institución visitará Galicia “abrindo posibilidade para establecer novas colaboracións co Cetmar, o Intecmar e o cluster do sector”, salientou.

Defendeu tamén que unhas relacións económicas máis estreitas con Xapón, “que xa ocupa o segundo lugar en exportacións de Galicia ós países asiáticos”, axudarán a consolidar a boa marcha das exportacións galegas, que bateron o seu récord histórico en 2013 e creceron un 7% no primeiro trimestre de 2014.

Turismo

Conde referiuse ademais ao ámbito turístico, outro dos eixos da viaxe do Executivo galego a Xapón. Neste senso, resaltou a vontade galega de aproveitar o irmandamento xa existente entre o Camiño Kumano e o Camiño de Santiago para facer unha promoción conxunta das rotas.

Ademais, explicou que o Goberno galego participou nun encontro con máis de 100 touroperadores nipóns o que permitiu iniciar os traballos de cara a asociar Galicia a outras ofertas turísticas españolas moi apreciadas en Xapón.