Conde destaca o potencial do Metal Cluster para aproveitar a estratexia de especialización intelixente e impulsar sectores clave como a eólica offshore, o aeronáutico e o aeroespacial

2014-06-13
  • O conselleiro de Economía e Industria subliña na presentación da nova organización empresarial a importancia da innovación para diversificar os sectores industriais galegos
  • Salienta o papel dos clústers galegos para que as pemes gañen tamaño, exporten e poidan acceder a proxectos de innovación que lles sería imposible levar a cabo en solitario

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o potencial do novo Metal Clúster, presentado hoxe, para aproveitar os 1.600 millóns de euros que mobilizará a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) en Galicia, e así impulsar sectores estratéxicos de futuro como a eólica offshore, o aeronáutico ou o aeroespacial.

Conde subliñou que unha das prioridades que formula a RIS3, e que guiarán o investimento desde 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020, é poñer o foco na competitividade das industrias con máis peso na economía galega, como o naval, a metalurxia, a automoción ou a enerxía. E dentro deste reto, ademais de financiar proxectos de I+D+i que aumenten a competitividade galega e camiñar cara á fábrica do futuro, a Estratexia buscará esa diversificación industrial que permita aproveitar a experiencia galega no sector metalúrxico en novos sectores.

Neste senso, destacou o papel fundamental que Metal Clúster xogará para acadar ese obxectivo, que parte do propio potencial das empresas que forman parte do clúster. “Estanse a abrir novos mercados para Galicia, como é a eólica offshore, onde a nosa industria do metal ten unha grande oportunidade para definirse como referente na produción desta tecnoloxía”, dixo.

Defendeu tamén que Galicia debe reforzar a súa aposta polo aeronáutico a partir das empresas galegas que xa traballan para compañías como Airbus e o Metal Clúster, e avogou por aproveitar as oportunidades que se abren no sector aeroespacial, apoiados na cooperación empresarial como a que ofrece o clúster e o apoio das universidades galegas.

“Metal Clúster é testemuña da nova Galicia que non ve no seu veciño a un rival, senón a un socio”, dixo Conde, que subliñou o potencial da cooperación entre pemes para democratizar a I+D+i, facilitando o acceso á innovación a empresas pequenas que, en solitario, non poderían pagar por ela. Son os clústers galegos, resaltou, os que permiten as pemes galegas gañar tamaño, vender xuntas nos mercados estranxeiros, adaptarse ás cadeas de valor globais, fixar o tecido industrial no territorio e evitar a obsolescencia dos modelos industriais galegos.