Conde destaca o potencial de Atiga para a través da innovación “fixar tecido industrial en Galicia e que as nosas empresas poidan crear emprego de calidade”

2014-06-09
  • Sinala a capacidade do consorcio para colaborar no desenvolvemento da estratexia de innovación da Comunidade, que “aposta polo talento, o impulso da transferencia de coñecemento, e o uso eficiente dos recursos públicos”
  • Resalta que, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente, o Goberno galego vén de aprobar un programa que mobilizará 30 millóns na creación de centros de innovación mixtos entre empresas e organismos de investigación
  • Nos últimos 5 anos, a Xunta de Galicia ten destinado máis de 120 millóns de euros aos centros tecnolóxicos de Galicia co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento ao mercado

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos representantes da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia – ATIGA, na que participan Anfaco-Cecopesca, Aimen, CTAG e Gradiant, e no que subliñou as súas potencialidades para, a través da innovación, “fixar tecido industrial en Galicia e que as nosas empresas poidan crear emprego de calidade”.

Neste sentido, o conselleiro subliñou que esta Alianza ofrece soporte científico aos sectores estratéxicos da economía galega, reunindo as condicións necesarias para facilitar a atracción e captación de investimentos; actuando como referencia tecnolóxica do tecido produtivo galego, especialmente das pemes; e impulsando a súa internacionalización.

Así mesmo, resaltou a importancia de Atiga de cara a colaborar no impulso da estratexia de innovación da Comunidade, que “aposta polo talento, o impulso da transferencia de coñecemento, e o uso eficiente dos recursos públicos, tanto no marco do Horizon 2020 como dos diferentes proxectos internacionais que estamos a desenvolver”.

O conselleiro destacou a aposta da Xunta por unha innovación aberta, que promove a cooperación e a transferencia de resultados dos centros tecnolóxicos ao mercado. Así, avogou por seguir identificando, en colaboración con Atiga, proxectos concretos que permitan aproveitar as oportunidades que reporta a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3.

Neste sentido, lembrou, a Consellería de Economía e Industria ten posto en marcha diferentes actuacións, entre as que destacou a recente aprobación dunha liña pioneira para a creación de centros de innovación mixtos por parte de empresas e organismos. Este programa permitirá desenvolver liñas de traballo en sectores estratéxicos, acompañando a aposta de grandes empresas por Galicia coa mobilización de 30 millóns de euros con destino á innovación galega.

Así, impulsarase a creación de emprego cualificado; desenvolveranse as capacidades dos centros galegos ao servizo do sector produtivo en áreas punteiras; e mellorarase a competitividade das empresas galegas grazas á transferencia de coñecemento en sectores estratéxicos e ao efecto tractor que exercerán ditas unidades a nivel local.

Unha oportunidade máis que, segundo lembrou o conselleiro, “se engade aos proxectos que estamos a desenvolver no eido do programa Conecta Pemes e dos Contratos-programa que estamos a desenvolver cos centros tecnolóxicos” para a atracción e retención de talento a través da contratación de persoal de I+D e a súa formación. Neste contexto, cómpre salientar que nos últimos 5 anos a Xunta ten destinado máis de 120 millóns de euros aos centros de coñecemento de Galicia co obxectivo de promover a transferencia de coñecemento da investigación ao mercado.