Economía e Industria avoga pola innovación nas pemes como chave da mellora competitiva do tecido empresarial galego

2014-06-03
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, destaca as oportunidades que ofrece o Programa Horizon 2020, que dedica un dos seus eixos ao desenvolvemento do tecido industrial apostando pola innovación
  • O Instrumento Peme achega ás pequenas e medianas empresas 2.700 millóns de euros para proxectos innovadores de dimensión europea
  • Lembra que a Consellería de Economía e Industria ten a disposición das pemes galegas os bonos de innovación, que buscan incrementar a súa capacidade para acceder a este tipo de recursos

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, avogou hoxe pola innovación nas pequenas e medianas empresas como chave para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego. Neste sentido, durante a súa intervención na apertura da Xornada Horizon 2020 “Instrumento Peme”, celebrada hoxe no CESGA, Varela Rey sinalou as importantes posibilidades que ofrece este marco europeo para a realización de actividades no eido innovador.

Así, explicou o director da Axencia, o Programa Horizon 2020 define entre as súas prioridades o fomento da innovación nas pemes, dedicando un dos seus eixos ao desenvolvemento do tecido industrial. A través desta actuación, a Unión Europea busca facilitar ás pequenas e medianas empresas o impulso de iniciativas innovadoras, fomentando este tipo de actuacións a través de proxectos colaborativos entre compañías de diferentes países.

Neste escenario, o Horizon 2020 establece distintos programas de apoio ás pemes, entre o que destaca o Istrumento Peme. Este, subliñou Varela Rey, conta con 2.700 millóns de euros dirixidos a todas as pequenas e medianas empresas que teñen a vontade de crecer, desenvolverse e internacionalizarse a través de proxectos de innovación de dimensión europea.

A Consellería de Economía e Industria traballa para facilitar as pemes galegas o acceso a financiamento procedente deste tipo de programas, tanto nacionais como europeos. Así, o director da Axencia lembrou que as empresas teñen á súa disposición, durante este ano e o que ven, os bonos de innovación, que se configuran como unha medida incentivadora que ten por obxectivo incrementar a capacidade competitiva do tecido empresarial para acceder aos recursos de financiamento nacionais e internacionais.

Deste xeito, incidiu, facilítanse as maiores vías de acceso posibles ao financiamento, garantindo a sostenibilidade da actividade innovadora como fonte de competitividade e crecemento económico para Galicia.