Feijóo avanza que a Xunta aprobará esta semana unha nova liña de apoio para que as empresas invistan en innovación en Galicia

2014-06-02
  • Taslada aos responsables de Nissan e de NTT Data a decisión da Goberno galego de aprobar esta mesma semana un proxecto de unidades mixtas de investigación para que empresas radicadas en Galicia poidan ampliar a súa aposta pola innovación e as novas tecnoloxías a través de investimento público-privado
  • Explica que o obxectivo é “construír unhas plataformas de innovación e de investigación” con preto de 30 millóns de euros de orzamento conxunto para atraer proxectos neste campo daquelas empresas que queiran apostar por Galicia
  • Apunta que a visita ás instalacións de Nissan serviu para “ensinar as capacidades do sector da automoción, do sector da investigación no ámbito da automoción e das máis de cen empresas de compoñentes da automoción en Galicia, un polo importantísimo do automóbil”
  • Convida aos directivos de NTT Data Everis a seguir apostando por Galicia no ámbito da innovación, das unidades mixtas de investigación, e das tecnoloxías en Galicia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta que se celebrará esta semana aprobará unha nova liña de apoio para que as empresas invistan en innovación en Galicia. Así o adiantou esta mañá logo de visitar, durante a súa estancia en Xapón, as instalacións da factoría de Nissan e a sede da compañía de tecnoloxías da información NTT Data.

O mandatario galego mantivo hoxe sendas reunións co presidente e conselleiro delegado de NTT Data Corporation, Toshio Iwamoto, e co vicepresidente de Nissan-Renault, aos que trasladou a decisión da Goberno galego de aprobar esta mesma semana un proxecto de unidades mixtas de investigación para que empresas radicadas en Galicia poidan ampliar a súa aposta pola innovación e as novas tecnoloxías a través de investimento público-privado.

O obxectivo, dixo, é “construír unhas plataformas de inovación e de investigación” con preto de 30 millóns de euros de orzamento conxunto para atraer proxectos neste campo daquelas empresas que queiran apostar por Galicia. “Hoxe combimamos dous sectores estratéxicos da nosa economía: o sector das TICS, das tecnoloxías da información, e o sector do automóbil”, apuntou, “e plantexamos a decisión do Goberno galego de seguir apostando pola innovación e e pola investigación”.

“Imos insistir nun dos eixos da política económica e das estratexias de Galicia que é facer fincapé en todo aquelo que significa innovación, en todo aquelo que leva aparellada a industria, a innovación e as tecnoloxías”, incidiu.

Apostar por Galicia

Feijóo explicou que, primeiramente, a visita que realizou esta mañá ás instalacións de Nissan que, como grupo Nissan-Renault é o cuarto fabricante do mundo de vehículos, serviu para “ensinar as capacidades do sector da automoción, do sector da investigación no ámbito da automoción e das máis de cen empresas de compoñentes da automoción en Galicia, un polo importantísimo do automóbil”, asegurou.

Ademais, o titular da Xunta reuniuse tamén esta mañá co presidente e os máximos directivos de NTT Data que é a división da compañía mundial de telecomunicacións NTT, e sexta empresa do mundo en materia de asesoramento e tecnoloxías da información, asociada actualmente coa empresa española Everis, que ten unha das súas sedes en Galicia. “Animamos ao primeiro directivo mundial de NTT Data Everis a seguir apostando por Galicia no ámbito da innovación, no ámbito da investigación, no ámbito das unidades mixtas de investigación, e nas tecnoloxías”, expuxo.