Feijóo promove en Xapón a colaboración entre a automoción galega e nipoa a través da innovación e a comercialización de produtos agroalimentarios da Comunidade

2014-05-30
  • Avanza que se acordou comezar a intercambiar información para ampliar a colaboración entre o centro de investigación da automoción xaponesa e o CTAG
  • Destaca o compromiso do vicepresidente da agrupación xaponesa de fabricantes de automóbiles de viaxar a Galicia para coñecer o CTAG, as industrias de compoñentes e a planta de Peugeot-Citröen
  • Resalta que a cadea de grandes almacéns ISETAN se comprometeu a enviar compradores a Galicia para coñecer “os mellores caldos galegos, as mellores marcas de conservas e toda a industria de porcino”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe en Xapón a apertura de vías para a colaboración entre a automoción galega e nipoa así como para a comercialización de produtos agroalimentarios da Comunidade. O mandatario autonómico resaltou que a primeira xornada da súa viaxe oficial a Xapón comezou cunha “axenda económica plena”, na que mantivo unha reunión cos responsables do Instituto Xaponés de Investigación da Automoción (JARI) e un encontro cos responsables da Asociación Xaponesa de Fabricantes de Automóbiles (JAMA) e, posteriormente, visitou a sede dos grandes almacéns ISETAN Mitsukoshi Holdings.

O titular da Xunta indicou que o Instituto Xaponés de Investigación da Automoción centra os seus estudos nos eidos da seguridade, na diminución dos consumos de combustible, no transporte intelixente e, especialmente, nas solucións eléctricas. Nese sentido avanzou que durante o encontro que hoxe mantivo cos seus responsables se concretou “a posibilidade de ampliar a colaboración do Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) con este centro de innovación da automoción xaponesa”.

“A partir de agora empezamos a intercambiar información, a intercambiar distintas disciplinas onde se está innovando e poñeremos en contacto os dous centros para que posibiliten e estuden a posibilidade de cooperación entre ambos”, engadiu.

En relación coa reunión que a continuación mantivo coa agrupación de fabricantes de todas as marcas de automóbiles de Xapón, un sector que xera unha facturación similar ao 50% do PIB de España, Feijóo avanzou que o seu vicepresidente, responsable da área internacional, Yoshihiro Yano, “se comprometeu a vir a Galicia, a vir a Vigo, a ver o CTAG, pero tamén, todas as industrias de compoñentes do automóbil galegas e, tamén, por suposto, a planta e a factoría de Peugeot-Citröen en Vigo”.

O mandatario galego considerou que hoxe tiveron lugar “contactos importantes” que establecen “a posibilidade de colaborar entre os dous centros de investigación e innovación no sector da automoción xaponesa e galega, e tamén o feito de que o vicepresidente de todos os fabricantes de vehículos de Xapón poida visitar Galicia e coñecer a nosa industria do automóbil”, o que considerou “unha oportunidade que é interesante aproveitar”.

O presidente da Xunta realizou tamén hoxe unha visita á sede dos grandes almacéns ISETAN Mitsukoshi Holdings, que, segundo lembrou, é unha das grandes cadeas do país, que emprega a 19.000 persoas e factura 9.000 millóns de euros e está expandida a outros países, como China. Durante a reunión que mantivo co presidente do grupo, Hiroshi Onishi, o mandatario galego presentoulle “a nosa carta dos mellores produtos de agroindustria”, facendo especial fincapé en tres ámbitos: o sector das conservas, o sector do viño e o sector porcino, nomeadamente, da carne de porcino criada con castañas.

Alberto Núñez Feijóo avanzou o compromiso da cadea de “mandar unha serie de compradores deste grupo a visitar determinados produtos galegos”, aos que “con moito gusto lle faremos unha axenda para que cando visiten Galicia poidan coñecer os mellores viños, os mellores caldos galegos, as mellores marcas de conservas e, tamén, por suposto, toda a industria de porcino instalada en Galicia”.

“Creo que foron tres contactos importantes, sen dúbida, coas principais industrias de Xapón, e que teñen unha gran repercusión de cara a abrir as industrias galegas a este país que é a terceira economía do mundo”, concluíu.

Logo destas reunións, o titular da Xunta inaugurará tamén nesta primeira xornada da súa viaxe ao país nipón as mostras Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago e Exposición de Obras de Munehiro Ikeda, esta última organizada en colaboración coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón. Posteriormente, no Instituto Cervantes presidirá a inauguración da exposición fotográfica de Luis Gabú Arte e ritual na Catedral de Santiago.