Conde destaca en Navalia a importancia da cooperación como chave da recuperación do sector naval galego

2014-05-20
  • O conselleiro de Economía e Industria subliña que a feira, consolidada entre as cinco primeiras do mundo no sector, “é a mellor maneira de pulsar o corazón industrial de Galicia”
  • Sinala que “con esforzo e traballo” o naval pechará novos contratos, tras acadar grazas ao traballo conxunto entre empresas e administración éxitos como o novo tax lease, o fondo de garantías de Pymar, a confianza de Pemex en Galicia e o primeiro contrato de Navantia nun lustro
  • Resalta como clave para o futuro do sector a colaboración en proxectos innovadores e en iniciativas que permitan ás empresas galegas saír ao exterior
  • Salienta o papel da Estratexia de Especialización Intelixente no futuro inmediato dos estaleiros, xa que ten ao naval como foco de parte dos 1.600 millóns de euros que mobilizará ata 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe durante a inauguración da feira Navalia a importancia da cooperación, tanto entre empresas como entre estas e a Xunta, como chave da recuperación que está a experimentar o naval galego. Conde subliñou que Navalia pode ser espello desa colaboración e desa recuperación, e incidiu en que “con esforzo e traballo” poden pecharse novos contratos para os estaleiros da comunidade, que repercutirán no tecido industrial da industria auxiliar galega, necesaria para o impulso do sector.

Como exemplos de cooperación galega, Conde salientou os propios ámbitos de colaboración do naval galego, como Aclunaga e Asime, e tamén os logros acadados nos últimos meses: os novos instrumentos que permitiron osixenar os libros contables do naval, como o fondo de garantías de Pymar; a consecución dun novo tax lease; a confianza de Pemex en Galicia tanto polo encargo de dous floteis como pola súa entrada en Barreras; e os primeiros contratos acadados por Navantia nun lustro.

O conselleiro defendeu tamén a cooperación como eixo de dúas claves do futuro do naval galego: a innovación e a saída a outros mercados. “Ambas, innovación e internacionalización, van intimamente unidas. Así, foi a nosa innovación: a que atraeu a Pemex a investir na nosa terra; e a que permitiu que Navantia recuperase a carga de traballo e poña un pé no sector eólico offshore”, dixo.

A esa convicción innovadora, apuntou Conde, responde a participación de estaleiros, centros tecnolóxicos e Universidades en proxectos innovadores do naval no marco dos programas Innterconecta e Conecta Pemes, cos que se están a mobilizar máis de 30 millóns de euros, e en iniciativas como A-Tempo, no que co liderado da Universidade da Coruña se están a investir máis de 8 millóns de euros.

Unha vontade que terá unha oportunidade única de impulso grazas á Estratexia de Especialización Intelixente, ou RIS3, que mobilizará 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020 poñendo o acento en sectores como o naval.

Innovación e internacionalización son dos das principais claves da propia feira, que se celebrará en Vigo durante os próximos tres días. Con medio milleiro de expositores procedentes de todo o mundo, desde China a Brasil e desde India ata México, e 25.000 profesionais esperando para comprobar as últimas novidades do sector e para pechar novos contratos, Conde resaltou que Navalia vén de consolidarse entre as cinco primeiras feiras do sector en todo o mundo. “Navalia é a mellor maneira de pulsar o estado dos estaleiros galegos, de pulsar o corazón industrial de Galicia”, incidiu.