Economía e Industria desenvolve unha xornada sobre competitividade, internacionalización e innovación no marco da Feira Navalia

2014-05-17
  • Os encontros están organizados polo Igape e pola Axencia Galega de Innovación para informar sobre os servizos e apoios a disposición das empresas

A feira internacional da industria naval, Navalia, acolle na súa edición deste ano xornadas técnicas promovidas pola Consellería de Economía e Industria para achegar información sobre servizos e axudas ás empresas en materias como a competitividade, a internacionalización e a innovación.

Así, o próximo día 20, a partir das 10:30, Navalia acollerá na aula Auxnavalia+ do stand de Economía e Industria (F15) a presentación das liñas de axuda do CDTI para o sector naval seguida pola presentación, ás 11:30h, dos servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN). No mesmo lugar, a partir das 17 horas, haberá un encontro de traballo do Igape co clúster sectorial do naval, Aclunaga.

No mesmo espazo, a partir das 10:00 horas e durante toda a mañá do día 21, desenvolverase un relatorio sobre as oportunidades do sector naval no marco do programa europeo Horizon 2020; así como a presentación da ferramenta para a avaliación da eficiencia enerxética nas embarcacións, desenvolvida no marco do proxecto europeo Refresh. A partir das 12:30, haberá unha mesa redonda sobre as oportunidades de innovación derivadas das novas normativas ambientais e de seguridade.

O mesmo día 21, ás 17 horas, a aula Auxnavalia+ dentro do stand da Consellería de Economía e Industria acollerá unha xornada técnica sobre axudas e servizos do Igape á internacionalización das empresas na que participará o director do Instituto, Javier Aguilera.

Do mesmo xeito, a aula Auxnavalia+ acollerá o día 22, a partir das 11, unha sesión de brokerage centrada no apoio á participación das pemes no sector naval nas convocatorias do Horizon 2020, a través do establecemento de contactos e o coñecemento das dinámicas que rexen na participación en proxectos de colaboración en I+D+I, os principais actores europeos no sector, etc., e a presentación da guía de posibilidades de financiamento da I+D+i para o sector marítimo no marco do programa europeo de financiamento da I+D+i.

O mesmo día 22, a partir das 16 horas, na Aula Navalia haberá unha xornada técnica explicativa sobre o programa Reacciona, centrado na prestación de servizos avanzados para a mellora da competitividade das pemes.

Auxnavalia+ é un proxecto europeo liderado pola Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía e Industria e cofinanciado pola Comisión Europea a través do programa Espazo Atlántico.

Durante os tres días en que se desenvolve, a mostra internacional Navalia prevé concentrar en Vigo a 500 expositores e máis de 25.000 profesionais relacionados con empresas da industria naval.