Conde avoga pola cooperación para que as empresas da Eurorrexión gañen tamaño abrindo novas posibilidades para innovar e saír ao exterior

2014-05-19
  • Anuncia unha reunión coas autoridades lusas en vindeiras datas para que Galicia e Portugal traballen de modo coordinado de cara a “sacar o máximo partido aos fondos europeos”
  • Destaca que a Eurorrexion conta co entorno propicio para fomentar as exportacións a través de vías comúns como as misións comerciais conxuntas ou o acceso a licitacións internacionais
  • Incide na importancia da colaboración entre sectores irmáns altamente competitivos, como é o caso do metalúrxico, de cara a aproveitar as ferramentas que Europa pon a disposición das pequenas e medianas empresas
  • Resalta que os programas europeos Horizon 2020 e COSME ofrecen ao sector industrial da Eurorrexión preto de 10.000 millóns para “seguir xerando riqueza e emprego a ambos lados do Río Miño”
  • Lembra as actuacións que Galicia e o Norte de Portugal xa están a levar a cabo en distintos eidos como as infraestruturas, o emprego, as eurocidades ou a enerxía

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe a importancia da cooperación empresarial na Eurorrexión de cara a que as pemes de Galicia e o Norte de Portugal gañen tamaño abrindo novas posibilidades para innovar e saír ao exterior. “O noso contexto empresarial común está dominado polas pemes”, explicou Conde, motivo polo que resulta imprescindible a colaboración co obxectivo de “facilitar o crecemento e o fortalecemento empresarial”.

O conselleiro, que participou na Asemblea Xeral da Federación Luso-Galaica de Industrias Metalúrgicas (FELUGA) antes de manter un encontro con empresarios lusos e galegos na Casa de España en Portugal, afondou nas posibilidades de potenciar sectores irmáns altamente competitivos, como é o caso do metalúrxico, impulsando deste xeito a competitividade das compañías da Eurorrexión a través da innovación e a busca de novos mercados.

Neste contexto, Conde anunciou unha reunión coas autoridades lusas en vindeiras datas, que ten por obxectivo Galicia e Portugal sigan a traballar de modo coordinado de cara a “sacar o máximo partido aos fondos europeos”.

O titular de Economía e Industria sinalou que Europa ofrece unha serie de instrumentos encamiñados a incrementar a competitividade das pemes. Así, o programa Horizon 2020 conta con más de 7.500 millóns para o fomento de iniciativas innovadores de diversa índole, e o COSME suma 2.300 millóns para impulsar a mellora competitiva do tecido empresarial. “En total, a Unión Europea ofrece ao sector industrial da Eurorrexión preto de 10.000 millóns de euros para seguir xerando riqueza e emprego a ambos lados do Río Miño”, apuntou.

Neste eido innovador, o conselleiro destacou tamén a importancia da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS 3, un documento que se configura como “unha oportunidade histórica” para Galicia e para as súas pemes, que participarán no 75% dos proxectos. Así, avogou por buscar puntos de unión coa Estratexia que o Norte de Portugal está terminando de deseñar.

“Se o envellecemento activo e saudable, por exemplo, é protagonista da RIS3 de Galicia, as Ciencias da Saúde e a Vida son prioridade da Rexión Norte de Portugal. E podemos ir más alá, buscando sinerxías no aproveitamento e valorización dos nosos recursos mariños, ou a modernización dos nosos sectores turísticos”, incidiu.

Así mesmo, o titular de Economía e Industria apostou por aproveitar as boas cifras de internacionalización acadadas por ambas rexións, ao ser o Norte de Portugal o territorio que máis exporta de todo o país luso, e o rexistrar Galicia o seu mellor ano exportador con case 18.500 millóns de euros. Neste contexto, explicou, a Eurorrexion ofrece o entorno propicio para fomentar as exportacións explorando vías comúns a través de misión comerciais conxuntas, o acceso a licitacións internacionais ou a posta en común de servizos e oportunidades para implantarse en novos destinos.

A vantaxe do Plan de Investimentos Conxuntos

Neste contexto, valorou, a Eurorrexión conta cunha vantaxe engadida: o Plan de Investimentos Conxuntos (PIC), que recolle as liñas de actuación a acometer, situando a Galicia e ao Norte de Portugal no mellor escenario posible tanto para consolidar a RIS 3 como para fomentar a colaboración transfronteiriza a través do POPTEC. Este Programa de Cooperación Transfronteriza España-Portugal ten permitido levar a cabo proxectos conxuntos de gran calado no ámbito da I+D+i, investindo 178 millóns na Eurorrexión desde o ano 2007.

A esta colaboración cabe sumarlle múltiples actuacións que Galicia e o Norte de Portugal xa están a levar a cabo en distintos eidos como as infraestruturas, o emprego, as eurocidades ou a enerxía. Neste ámbito, Conde lembrou as posibilidades que ofrecen as dúas regasificadoras coas que conta a Eurorrexión: a de Mugardos e a de Sines, “ambas con experiencia en carga e descarga de GNL”.

“Fai apenas unhas semanas presentamos en Mugardos un proxecto para permitirlle á planta de Mugardos subministrar GNL aos barcos que o empreguen como combustible”, sinalou o titular de Economía e Industria, avogando por aproveitar tanto o know-how das dúas regasificadoras como as vantaxes das instalacións existentes para “converter a fachada Atlántica nunha zona de distribución eficiente e flexible de GNL como combustible”.