O presidente da Xunta refírese á calidade, á innovación e á internacionalización como os piares básicos para seguir crecendo no sector da alimentación

2014-05-14
  • Destaca que a industria agroalimentaria galega representa o 7% do PIB
  • Apunta que o sector da alimentación conta cunha notable vertente socioeconómica porque conxuga, como ningún outro, o interese individual do consumidor e o interese común do territorio no que se asenta, pola súa vinculación co sector primario, o patrimonio natural ou a gastronomía
  • Sinala que o selo Galicia Calidade, que hoxe en día levan impreso máis de 300 artículos de 50 empresas certificadas, ten sido sempre aval da calidade das nosas materias primas. “Galicia Calidade intenta mandar unha mensaxe que conxuga a calidade para que sexa posible a venda e tamén o compromiso do territorio”, asevera
  • Subliña a implicación de Vegalsa-Eroski co sector agropecuario de Galicia, posto que nos últimos catro anos incrementou nun 20% a adquisición de produtos a proveedores galegos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á calidade, á innovación e á internacionalización como os piares básicos para seguir crecendo no sector da alimentación. No transcurso do VI Encontro da industria alimentaria organizado por Vegalsa-Eroski, o titular da Xunta destacou que este sector, ao peche de 2012, achegou o 10% da taxa de emprego da comunidade, con 2.500 empresas e 30.000 postos de traballo. E, segundo indicou, en Galicia o sistema agroalimentario representa o 7% do PIB.

No que se refire á distribución comercial, indicou que o conxunto das tres grandes empresas de Galicia, entre as que figura Vegalsa-Eroski, acadou un volume de facturación en 2013 de case 2.500 millóns de euros, cun nivel de ocupación próximo aos 15.000 empregos directos e indirectos.

O presidente galego apuntou que o sector da alimentación conta cunha notable vertente socioeconómica porque conxuga, como ningún outro, o interese individual do consumidor e o interese común do territorio no que se asenta, pola súa vinculación co sector primario, o patrimonio natural ou a gastronomía.

Ao respecto, apuntou que o selo Galicia Calidade, que hoxe en día levan impreso máis de 300 artículos de 50 empresas certificadas, ten sido sempre aval da calidade das nosas materias primas. “Galicia Calidade intenta mandar unha mensaxe que conxuga a calidade para que sexa posible a venda e tamén o compromiso do territorio”, aseverou.

Neste contexto, destacou o compromiso de Vegalsa-Eroski con Galicia e cos produtos galegos, posto que actualmente comercializa artículos que contan co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida, como Ternera Galega, Lacón Galego, Pataca de Galicia ou Pemento de Herbón. E é, ademais, unha firma colaboradora coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentaria (Agaca) no impulso do cooperativismo en Galicia.

Tal e como apuntou, a súa implicación co sector agropecuario galego é máis que notable, posto que nos últimos catro anos incrementou nun 20% a adquisición de produtos a proveedores galegos.