Economía e Industria abre oportunidades para as empresas galegas no mercado canadense de materiais avanzados

2014-05-14
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, interveu nunha xornada organizada coa Embaixada de Canadá para expoñer vías de cooperación internacional en sectores como o da automoción e o da aeronáutica
  • No encontro celebrado en Tecnópole a empresa ourensá Coasa expuxo a súa exitosa experiencia de colaboración coa canadense Bombardier

A Consellería de Economía e Industria, coa colaboración da Embaixada de Canadá, organizou hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, unha xornada técnica sobre oportunidades de colaboración entre empresas galegas e canadenses no sector dos materiais compostos ou composites, unha familia de materiais sintéticos avanzados que se usan especialmente nos sectores da aeronáutica e da automoción.

Na apertura da xornada, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, destacou que as oportunidades de colaboración internacional en ámbitos especializados son estratéxicas para as empresas galegas, en especial para as pemes, “que poden atopar unha marxe moi interesante de crecemento intercambiando tecnoloxía e valor engadido con mercados maduros como o canadense nun ámbito con tanta proxección como é o dos materiais avanzados”.

Varela enmarcou a xornada de hoxe na prioridade que para Economía e Industria supón acompañar as empresas na identificación e no máximo aproveitamento posible de oportunidades que lles permitan desenvolver as súas capacidades innovadoras para ser máis competitivas.

O sector canadense de composites acadou un alto grao de madurez grazas ás 300 empresas e 50.000 empregados que o compoñen. Este sector destaca polo seu perfíl exportador, que xa lle permitiu un posicionamento líder en moitos mercados internacionais. Isto débese ao seu potencial comercial e de innovación, grazas ao papel tractor de fortes clústeres como son o aeronáutico e o da automoción.

Neste sentido, o director da Axencia Galega de Innovación explicou que elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) permitiu constatar as capacidades actuais e o potencial de futuro dos sectores galegos da automoción e da aeronáutica. “O aumento da súa competitividade e da súa capacidade para diversificarse son prioridades establecidas de maneira expresa na RIS3 e por iso consideramos que as oportunidades de cooperación internacional que expoñemos hoxe aquí son de carácter estratéxico para Galicia”, afirmou.

Como exemplo de esforzo pola diversificación, Varela destacou a Hispamoldes, a empresa da automoción situada na Tecnópole que participa na unión de empresas Udega, constituída por varias pemes galegas para gañar o músculo necesario que lles está a permitir acceder a grandes contratos internacionais no sector da aeronáutica.

A xornada celebrada hoxe permitiulles ás empresas asistentes profundizar nas oportunidades de colaboración con compañías canadenses deste sector e coñecer os programas hispano-canadenses de colaboración en I+D existentes, xunto con exemplos de éxito de empresas neste sector. Neste contexto, o xerente de Coasa, Yago Fontán, expuxo a colaboración da empresa aeronáutica situada en Tecnópole coa canadense Bombardier Inc.