GAIN ORGANIZA UNHA XORNADA SOBRE OPORTUNIDADES DE COOPERACIÓN CO SECTOR CANADENSE DOS COMPOSITES

2014-05-13
  • Canadá conta cun sector de composites maduro, cun elevado potencial innovador e comercial, especialmente nos sectores aeronáutico, automoción e enerxía eólica

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía e Industria e a Embaixada de Canadá organizan mañá, mércores 14 de maio, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Ourense), a xornada “Oportunidades no sector canadense dos composites”, orientada a facilitar a identificación de oportunidades de cooperación internacional na área dos materiais compostos (composites).

Ante o gran potencial comercial e innovador do sector canadense dos composites, esta xornada servirá para profundizar nas oportunidades de colaboración, os programas hispano-canadenses de colaboración en I+D e coñecer exemplos de éxito de empresas neste sector.

De aplicación a sectores como aeronáutica, automoción e enerxía eólica

O sector canadense dos composites é un sector maduro que alberga aproximadamente 300 empresas e 50.000 empregados. Este sector estase a posicionar como exportador e líder en moitos mercados internacionais contando con fortes clústeres como son o aeronáutico e o da automoción, sen esquecer o de enerxía eólica de máis recente crecemento. Particularmente, é no sector aeronáutico onde Canadá ten unha gran variedade de capacidades e aplicacións para composites que inclúen: aeroestruturas, motores de turbina de gas e sistemas mecánicos, como trens de aterraxe. A industria aeronáutica canadense é principalmente civil, aínda que ten tamén importantes aplicacións militares.

Ademais, o notable liderado de Canadá en innovación de composites xorde como resultado do importante apoio de centros de nova xeración enfocados nesta área, resaltando o Composites Innovation Centre – Manitoba Inc (CIC), unha organización sen ánimo de lucro de carácter público-privado, laboratorios con equipos de vangarda e unha rede de 23 universidades especializadas en investigación en composites.

O programa completo da xornada está dispoñible na seguinte ligazón web Para participar na xornada precísase inscrición a través do seguinte formulario online