Conde sinala que a Xunta destinou 120 millóns aos centros tecnolóxicos galegos nos últimos anos para impulsar o seu papel clave na transferencia de coñecemento innovador ás empresas

2014-05-07
  • Resalta a capacidade e gran potencial dos centros tecnolóxicos de Galicia como pancas da investigación e innovación
  • Salienta o compromiso do Goberno galego cunha “política de innovación aberta” sustentada en catro principios básicos: o talento, a implicación do sector privado, a transferencia de resultados, e a achega dos recursos necesarios
  • Sinala que esta aposta polo talento se reflectirá en novidosas iniciativas como a captación de científicos de gran proxección ou o impulso para que grandes compañías de referencia internacional se instalen en Galicia
  • Lembra o esforzo levado a cabo nos orzamentos de Economia e Industria, que incrementaron nun 33% os fondos destinados á innovación en 2014
  • Recalca a importancia da Estratexia de Especialización Intelixente – RIS 3, que mobilizará en Galicia 1.600 millóns de euros en innovación ata o ano 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Parlamento galego a aposta da Xunta para impulsar a transferencia do coñecemento innovador ás empresas galegas, que se reflicte nun investimento de 120 millóns de euros nos últimos anos para os centros tecnolóxicos galegos como pancas da investigación e a innovación. Conde subliñou que dita aposta se desenvolve a través dunha “política de innovación aberta” sustentada en catro principios básicos: o talento, a implicación do sector privado, a transferencia de resultados, e a achega dos recursos necesarios.

Así, explicou o conselleiro, o impulso do talento investigador maniféstase no apoio dado tanto ás universidades, cun investimento de preto de 150 millóns das arcas autonómicas, como aos centros tecnolóxicos a través de iniciativas como os contratos programa ou o Innterconecta. A estas, incidiu Conde, cabe engadirlles outras novidosas actuacións como a captación de científicos de gran proxección, as bolsas para as estancias formativas no extranxeiro, e o impulso que se dará ás unidades mixtas centros-empresas para que grandes compañías de referencia internacional se instalen en Galicia.

“O segundo eixo de actuación é a implicación do sector privado”, proseguiu o titular de Economía e Industria, quen afondou na necesaria participación das pemes galegas neste campo. “Para percorrer esta senda”, apuntou, “ademais de iniciativas como o Innterconecta, puxemos en marcha dúas convocatorias do Conecta Peme”.

Todos estes esforzos, explicou o conselleiro, atinxen tamén ao terceiro eixo da política de innovación da Xunta de Galicia: a transferencia do coñecemento. “Unha investigación que non chega directa ou indirectamente ao tecido produtivo, non aproveita o seu potencial”, sinalou. Así, as políticas de fomento da propiedade industrial, xunto co esforzo das empresas galegas, teñen permitido que a ratio de solicitudes de patentes se incrementase en Galicia nun 5% con respecto a 2008.

“Estes tres principios hai que dotalos dos recursos necesarios”, destacou o conselleiro. Por este motivo, sinalou, o Goberno galego fixo un importante esforzo nos orzamento do 2014 incrementando nun 33% os fondos destinados á innovación en empresas e nos centros tecnolóxicos do coñecemento ata chegar aos 50 millóns de euros. Este investimento, explicou, permitirá, grazas a adecuada xestión e aproveitamento dos fondos europeos, especialmente do Fondo Tecnolóxico, mobilizar 130 millóns na innovación galega nun só ano.

“A innovación xoga un papel clave no camiño de retorno ao crecemento económico”, apuntou Conde. Por este motivo, todo o esforzo levado a cabo centralízase agora na Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, que define as políticas de innovación galegas e mobilizará máis de 1.600 millóns de euros en Galicia ata o ano 2020.

Esta estratexia, sinalou o Conselleiro, supón unha “visión de futuro” para un sistema galego de innovación que xa é un “referente no presente”. Así, Galicia conta con 5 centros tecnolóxicos de referencia internacional que suman preto de 1.000 investigadores e máis de 1.300 clientes; e con numerosas empresas recoñecidas a nivel nacional.