Cores Tourís coñeceu o proxecto de innovación de cosmética natural da firma Hifas da Terra de Pontevedra

2014-04-30
  • Esta empresa invitou ao delegado territorial a coñecer este proxecto no que participan outras catro empresas e as universidades de A Coruña e Vigo
  • Esta iniciativa contou coas axudas do Conecta-Peme da Axencia de Innovación da Consellería de Economía e Industria

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Hifas da Terra de Pontevedra para coñecer o proxecto “CosmetInnova” no que colaborou a Xunta de Galicia a través da iniciativa Conecta-Peme 2013 da Consellería de Economía e Industria.

Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois, polo xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como pola directora da firma, Catalina Fernández de Ana Portela e os subdirectores da mesma, Francisco Fernández de Ana Magán e Esteban Sinde.

A directora destacou que “neste proxecto colaboraron, como socios, outras catro empresas (Luvenor Lab, Global and Ecofriendly Natural Extracts, Organistry Servicios de I+D e Caroi´line Cosmética) ademais do grupo de Enxeñería Química EQ2 da Universidade de Vigo como centro tecnolóxico xunto ao grupo de Polímeros da Universidade de A Coruña”. Catalina Fernández de Ana Portela destacou que, en total, investíronse 637.633 euros neste proxecto de investigación, “dos que o 60% corresponderon a axudas autonómicas”.
A través da iniciativa CosmetInnova, “varias empresas biotecnolóxicas estamos a traballar para desenvolver ferramentas tecnolóxicas que melloren e faciliten o emprego de extractos naturais na elaboración de novos produtos cosméticos”. O obxectivo do proxecto é, segundo apuntou Catalina Fernández, “extraer todo o bo das especies vexetais e obter produtos de cosmética cunha maior actividade biolóxica e efectos beneficiosos”.

Cores Tourís recordou que o programa Conecta-Peme foi posto en marcha pola Axencia Galega de Innovación “coa finalidade de fomentar e vertebrar as políticas de innovación e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de I+D+I”

O programa Conecta-Peme ten como obxecto incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego en áreas estratéxicas, fomentando a cooperación público-privada a través do financiamento de proxectos empresariais de I+D en cooperación entre pemes. “Estes proxectos deben estar orientados ao desenvolvemento de tecnoloxías novas que supoñan un importante avance para Galicia pero que conten, a súa vez, proxección económica e comercial a nivel internacional”, engadiu o delegado territorial.

Outros proxectos de innovación

Na actualidade, Hifas da Terra tamén está a traballar noutros proxectos de innovación como é o emprego dunha galénica específica elaborada a base de extractos de setas para a loita contra o cáncer gastrointestinal; un proxecto de innovación para alimentos funcionais a base de setas ecolóxicas con propiedades terapéuticas; unha liña de produtos dermocosméticos e outra de nutracéuticos (médico-farmacéuticos); así como tamén o cultivo de setas sobre madeira, a produción de castaños híbridos micorrizados para o crecemento de boletus.

A maiores, tamén están atraballar na loita biolóxica contra especies invasoras e na potenciación da especie Trompeta Negra para a súa caracterización en asociación con frondosas autóctonas de Galicia.

Ademais tamén solicitamos a colaboración da Consellería de Medio Rural e Mar a través de Agader, sumando un investimento de 268.000 euros”, explicou Catalina Fernández. A estas axudas hai que sumar as aportadas, segundo engadiu a directora de Hifas da Terra, os xestores Igapex e os proxectos realizados en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, “en total, 227.501 euros aportados pola administración autonómica a través da Consellería de Economía e Industria”.

Hifas da Terra xurdiu no seo da Universidade de Santiago de Compostela co obxectivo de cultivar fungos saprófitos sobre restos leñosos. Tras varios anos de formación empresarial e especialización científica no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, naceu a firma en 1999. Trátase dunha empresa de biotecnoloxía aplicada á micoloxía e centrada na divulgación científica do uso terapéutico dos fungos, comezando a deseñar exclusivos kits de produción micolóxica para o cultivo de setas nos fogares.

Situada na parroquia pontevedresa de Bora, conta cunha facturación anual de 2,5 millóns de euros (en 2013) e 17 traballadores, chegando, con colaboradores, aos 45 empregados. O 30% da súa produción destínase á exportación, “aínda que o noso principal mercado é o nacional”.

Foron pioneiros en Europa na creación dunha liña gourmet que inclúe alimentos funcionais; na elaboración de complementos alimenticios de setas beneficiosa para a saúde así como no cultivo de diferentes variedades de setas como o Shiitake en madeira de carballo. De feito, recibiron o Accésit á Innovación na XIV edición do Premio Nacional Joven Empresario como recoñecemento a súa aposta pola I+D+i, creando e desenvolvendo produtos biotecnolóxicos de gran valor engadido elaborados a partir de setas ecolóxicas.